O BNG pedirá no Congreso recuperar a declaración de impacto ambiental para todos os proxectos eólicos

A medida, afirma Néstor Rego, "pon en perigo o noso medio e a actividade económica e, por tanto, o modo de vida de millares de persoas, particularmente aquelas que se dedican ao sector primario".
O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

A supresión da necesidade dunha declaración de impacto ambiental (DIA) para aqueles proxectos de enerxías renovábeis que se tramiten a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e que non se atopen en espazos protexidos suscitou numerosas reaccións. Entre elas, a do BNG, que vén de rexistrar no Congreso unha proposición de lei para reverter esta norma aprobada no marco do real decreto-lei 20/2022.

O portavoz nacionalista na Cámara baixa, Néstor Rego, acusa o Goberno formado por PSOE e Unidas Podemos de promover unha medida que dá "barra libre" ás empresas eléctricas "que se están a lucrar con este boom eólico depredador e sen control" e cuestionou que non se tramitase de forma independente.

O Bloque optou a pasada terza feira por absterse na votación deste "real decreto ómnibus"; porén, no caso de se tramitar no Congreso a medida que afecta o desenvolvemento das renovábeis de forma separada, "tería un contundente voto negativo" desta formación, afirma Rego.

"Non tiveron a decencia de tramitala de forma independente para permitir un debate e votación exclusivamente sobre ela, non condicionado por outras medidas como as axudas pola crise; é facer trampa para conseguir que pasen máis facilmente medidas moi negativas para o noso País", precisa.

Rego entende que a rebaixa do control ambiental por parte do Ministerio "pon en perigo o noso medio e a actividade económica e, por tanto, o modo de vida de millares de persoas, particularmente aquelas que se dedican ao sector primario". Coa presentación desta proposición de lei, o BNG busca "reverter esta modificación feita á medida dos intereses das grandes empresas e corrixir este despropósito".

O deputado lembra que xa presentara no seu día emendas encamiñadas na mesma liña por unha medida similar adoptada ao abeiro do real decreto-lei 6/22, que afectaba parques eólicos de menos de 75 megawatts (MW) de potencia. "Somos a única forza política que presentou emendas neste sentido. Infelizmente, a maioría de PSOE e Podemos —6 de 9— na Mesa do Congreso teñen desde entón bloqueda esta tramitación", lamenta.

"Galiza xa produce máis enerxía de fontes renovábeis da que consome. Temos máis de 4.000 MW de potencia instalada e arredor doutros 3.000 MW xa aprobados. Con todo, temos máis de 300 proxectos de parques eólicos en tramitación cunha afectación ambiental, patrimonial, social e económica moi negativa. Pola contra, Madrid, que consome enerxía producida na Galiza, ten 0 MW de potencia instalada e 0 proxectos de parques en tramitación", enfatiza Néstor Rego.

Finalmente, o parlamentario conclúe: "É preciso defender o noso territorio da que parece ser a última distopía do capitalismo no Estado español: en nome da transición ecolóxica e dun futuro verde, destrúese o medio ambiente e o modo de vida de millares de persoas, especialmente no sector primario, é dicir, destrúese o futuro e non o podemos permitir".

Comentarios