O BNG e Compostela Aberta piden unha amnistía para os presos políticos cataláns

Os grupos municipais de Compostela Aberta e do Bloque Nacionalista Galego acordaron presentar unha moción no Concello de Compostela que se debaterá esta quinta feira no pleno e na que solicitan do Goberno do Estado que abra “unha vía de diálogo” no conflito catalán e pide ao resto de partidos políticos que impulsen unha lei de amnistía “para as persoas condenadas neste proceso”.
Jorge Duarte e Goretti Sanmartín, concelleiras de CA e do BNG, durante unha concentración en apoio a semana pasada.
photo_camera Jorge Duarte (segundo pola esquerda) e Goretti Sanmartín (quinta), concelleiras de CA e do BNG, durante unha concentración en apoio a semana pasada.

A moción conxunta do BNG e de CA discutirase mañá, 24 de outubro, no pleno municipal de Compostela. A proposta de acordo reclama “a solidariedade” do Consello de Santiago “co pobo catalán e coas persoas xulgadas e condenadas neste proceso” así como o rexeitamento da “desproporcionada” sentenza do Supremo; tamén pide ao Goberno español que traballe “pola vía do diálogo democrático” e “o recoñecemento pleno das nacións que actualmente fan parte do Estado”; e ademais urxe aos grupos políticos con representación nas Cortes que impulsen “unha lei de amnistía para as persoas condenadas”.

O texto subliña que para iniciar o diálogo “é imprescindible que non existan presas e presos políticos ou persoas que tiveran que ter abandonado Cataluña por ter defendido democraticamente as súas ideas políticas”

Hai dous anos -en setembro de 2017- Compostela Aberta xa presentara unha moción que propuña a condena por parte da corporación compostelá da “criminalización e a xudicialización dun conflito político”. Nos últimos días, desde a publicación da sentenza o pasado 14 de outubro sucédense as mostras de solidariedade con Catalunya desde Galiza.

“O que está a acontecer en Catalunya aféctanos a todas e a todos”, sinala a moción que se presentará mañá. “As democracias consolidadas esgotan as vías políticas e de diálogo antes de xudicializar, criminalizar, e recortar dereitos e liberdades, tal e como está a levar adiante o Estado español. A xudicialización das vías políticas debe ser condenada e rexeitada, e fronte a isto compre procurar vías de diálogo que busquen solucións eficaces e democráticas para resolver o conflito existente”, reflexionan as redactoras. E conclúen: “Diante desta situación inxusta e humillante, en Catalunya existe un amplo consenso sobre que a resolución do conflito so pode pasar polo exercicio do dereito a decidir”.
 

Comentarios