A XV ASEMBLEA DA FRONTE NACIONALISTA ABRE A SÚA REFUNDACIóN

O BNG comeza a debuxar o seu futuro

A formación nacionalista realiza este domingo o conclave que dá inicio ao proceso de refundación do BNG, o inicio dun novo tempo para o nacionalismo galego. 

Imaxe da XIII Asemblea Nacional do BNG pequena
photo_camera [Flickr: BNG] Imaxe da XIII Asemblea Nacional do BNG pequena

Ás 10h dará comezo en Palexco (A Coruña) unha das citas clave do nacionalismo galego: a XV Asemblea Nacional do BNG, que se desenvolverá nunha única xornada baixo o lema Autoorganización, autogoberno, autodeterminación e na que se prevé que participen arredor de 3.000 militantes, pois este é o número de persoas inscritas no conclave que espertou unha grande expectación por supoñer o punto de partida da refundación do Bloque.

Na Asemblea elixiranse os novos órganos de dirección e aprobaranse os textos políticos a debate. Así, na sesión de mañá terá lugar o debate do informe do Consello Nacional saínte, as emendas e o relatorio. Xa na sesión da tarde, terá lugar a escolla do novo Consello Nacional e da portavocía. Prevese que a clausura do conclave teña lugar contra as 19h.

O BNG encetará a súa refundación baixo o dereito de autodeterminación, a defensa da democracia e das clases populares e a necesidade de autoorganización

Da cita deste 28 de febreiro partirá o proceso de refundación da organización frontista que abrirá un novo tempo para a forza política, que admite que a situación política é crítica e que é preciso abrir un debate sen tabús. O BNG encetará a súa refundación baixo as seguintes premisas: o dereito de autodeterminación, a defensa da democracia e dos intereses das clases populares e a necesidade de autoorganización e non dependencia nas relacións da Galiza.

A cita electoral de outono, cando terán lugar previsibelmente, os comicios galegos tamén deixará o seu pouso na xornada deste domingo. E é que o relatorio político que se debaterá e se votará durante a mañá apóstase nunha ampla candidatura de orientación nacionalista e por explorar acordos postelectorais. Pola contra, as autoras dos votos particulares –as emendas á totalidade- que se debaterán na asemblea –os das deputadas Carme Adán e Tereixa Paz e o da membro do Consello Nacional saínte Alba Nogueira- avogan por explorar alianzas estratéxicas alén do nacionalismo.

Dúas listas ao Consello Nacional

Amais do anterior, a Asemblea Nacional do BNG elixirá novos órganos de dirección, para o que se presentaron dúas listas. A primeira das candidaturas en darse a coñecer foi a proposta polo Consello Nacional saínte, encabezada por dúas mulleres, Ana Pontón, deputada no Parlamento galego, e Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña. A outra candidatura é a encabezada por Carlos Branco Ansoar e por Raquel Suárez, ambos os dous edís no Concello de Boiro, e da que forman parte unha vintena de militantes da comarca da Barbanza. Nunha conversa con Sermos Galiza, o propio Carlos Branco apuntaba que a candidatura lle achegaba "pluralidade e riqueza ao BNG, valores que non todas as organizacións teñen".

A lista que parte con maior apoio é a encabezada por Ana Pontón, que posibelmente será a primeira muller en encabezar o BNG e unha formación política política de relevancia na Galiza. Esta lista, como ela mesmo apuntou nunha entrevista con Sermos Galiza após se coñecer a súa candidatura, caracterízase pola renovación, pois das 15 persoas que se candidatan á Executiva Nacional, un total de 10 nunca participaran no órgano de dirección.

Entre ambas as candidaturas non existen desacordos en cuestións básicas para o proxecto nacionalista

En base ao regulamento da XV Asemblea Nacional do BNG, as listas ao Consello Nacional poderían sufrir mudanzas até as 10h da mañá do propio domingo. Entre ambas as candidaturas non existen desacordos en cuestións básicas para o proxecto nacionalista, como son a necesidade de iniciar unha refundación e de garantir un espazo electoral autónomo para o nacionalismo galego, con independencia de posíbeis alianzas após as eleccións.

Comentarios