Máis de 1.500 persoas acudiron ao Encontro Aberto da organización nacionalista

Pontón: "No BNG hai sitio para quen leve Galiza na cabeza e no corazón"

Nun multitudinario acto no Auditorio de Galiza, con máis de 1.500 asistentes, a formación nacionalista deu por comezada a campaña da dupla convocatoria electoral do 28 de abril e 26 de maio. A portavoz nacional, Ana Pontón, animou "a todas as galegas e galegos que senten o país no corazón e na cabeza" a votar polo Bloque. 

ENCONTRON NACIONAL BNG 2
photo_camera Unhas 1.500 persoas acudiron ao Encontro Aberto do BNG [Foto: BNG]

As últimas sondaxes reflicten un incremento dos apoios ao Bloque Nacionalista Galego nas vindeiras convocatorias electorais, que en menos de dous meses debuxarán un novo panorama político municipal, estatal e europeo. Nese contexto de "remontada" que está a experimentar a formación nacionalista, segundo manifestou a súa portavoz nacional, Ana Pontón, tivo lugar esta mañá un encontro que, baixo o lema, "Agora Galiza", quixo mobilizar a súa base organizativa como punto de partida para as campañas electorais que se aveciñan. Máis de 1.500 persoas responderon á chamada do BNG.

"Arrancamos esta longa precampaña que desde o BNG afrontamos con convicción e con optimismo, coa reflexión que creo que comparten moitos galegos e galegas de que Galiza necesita recuperar unha voz propia o 28 de abril que dea a cara por eles e elas", asegurou Pontón. "Nós o que lle ofrecemos á xente do noso país" engadiu, "é unha organización sólida, un proxecto cohesionado e coherente, no que poder confiar".

Arroupada polos cabezas de lista ao Congreso e o Senado, pola candidata ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, e polos alcaldábeis das sete cidades, Pontón lembrou que "o 28 de abril temos moito en xogo, e creo que son moitas as persoas que van apostar por que Galiza recupere a voz, fronte o desastre que nos están deixando as forzas políticas estatais". Nesa liña, sinalou que "hai moitos galegos e galegas decepcionados con esta precampaña, na que as forzas políticas estatais están competindo por ver quen ten máis bandeiras españolas ou quen ten a bandeira de España máis grande". "E nesa bandeira", subliñou, non están os problemas de Galiza; non están as solucións para lle pór freo á emigración xuvenil, para rematar coa precariedade, para as segundas pensións maís baixas do Estado. Nesa competición desmesurada non hai solucións para acabar co desastre que está xerando Ence no noso país, para frear o disparate de que Galiza, que produce electricidade a esgalla, teña 2.000 postos de traballo en perigo polo prezo da luz, ou para acabar con esa estafa cointinuada das peaxes". "Nós", manifestou a portavoz nacional do BNG, "queremos ser a voz deses galegos e galegas para poñer a Galiza no mapa fronte á discriminación do Estado, e tamén frente a unha involución democrática ante a que nós somos un muro de contención". 

Así, Ana Pontón apostou por que "nun contexto sen maiorías absolutas, Galiza estea no mapa, sexa determinante", polo que quixo "tender a man a todas as persoas decepcionadas co que está a pasar e saben que este país precisa dunha organización forte, coa acbeza e o corazón en Galiza, que dea a cara por elas". A voceira nacional do Bloque sinalou que se está a producir "unha corrente de simpatía cara a nós, cun incremento de militancia e de moitas voces que se suman. Nós temos as portas abertas para toda a xente que cre que Galiza merece outro futuro, que confía nas potencialidades que ten este país e que sabe que da man do BNG podemos construír un futuro mellor para todas". 

Comentarios