ELECCIóNS XERAIS

O BNG e Coalición Galega apostan por unha candidatura unitaria galega

Que Galiza teña voz propia no Congreso. Esta é a principal reivindicación do BNG e Coalición Galega, que apostan pola necesidade de conformar unha gran candidatura galega de cara ás eleccións xerais.

bng e cg
photo_camera bng e cg

Unha delegación do Bloque Nacionalista Galego, da que formaron parte Goretti Sanmartín e Néstor Rego, e de Coalición Galega, representada por Fernando Alonso, Trinidad Docampo e Xavier Grandío, veñen de reunirse para pór en común a visión de ambas as formacións de cara á conformación dunha candidatura unitaria galega para as próximas eleccións xerais.

Tanto para o BNG como para CG é necesario que o grupo parlamentar galego sexa "plenamente soberano e sen dependencias de ningunha forza estatal". Para ambas as formacións, a constitución dunha gran candidatura galega é un obxectivo  fundamental para que Galiza fale con voz propia e defenda os intereses do noso país, máxime nun escenario no que se abrirán mudanzas na estrutura política a nivel estatal.

Ambas as delegacións salientan nun comunicado que a candidatura debe ser "ampla, plural e inclusiva". Apostan, ademais, por que a integren "todas as forzas políticas galegas que defenden o dereito do noso País a decidir por si propio en función dos seus intereses". Tamén debe incorporar, segundo o BNG e CG, "un amplo abano de colectivos sociais, organizacións e persoas que traballan día a día por unha sociedade galega mellor e máis xusta". Para isto, avogaron por un "amplo proceso de carácter participativo".

O Bloque e Coalición Galega buscan que Galiza exerza os seus dereitos nacionais de forma soberana

Segundo recollen na nota conxunta, as dúas organizacións comparten a  convicción de que é "imprescindíbel", desde "a diversidade de ideoloxías e sensibilidades",  a unidade na liña dunha "transformación democrática en que Galiza poda exercer os seus dereitos nacionais de forma soberana".

Tanto o Bloque como Coalición Galega sinalan que manterán abertas canles de diálogo "no marco dun proceso de debate con outros axentes políticos e sociais" comprometidos no obxectivo de conformar unha grande candidatura galega unitaria e aberta de cara ás próximas eleccións xerais.

Comentarios