BNG e CIG demandan en Bruxelas que se inclúa Galiza nos plans de transición enerxética xusta

A delegación, da que fai parte Ana Pontón, reunirase esta quinta feira na Comisión Europea coa directora de Mercados de carbono en Europa e internacionais, Beatriz Yordi.

Central térmica de Endesa nas Pontes.
photo_camera Central térmica de Endesa nas Pontes.

Unha delegación encabezada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, e integrada por representantes de CIG Industria e reunirase esta quinta feira na Comisión Europea coa directora de Mercados de carbono en Europa e internacionais, Beatriz Yordi. O obxectivo do encontró, explican as nacionalistas, radica en reclamar o dereito de Galiza a estar incluída no "Green and Fair New Deal" da UE, os plans de transición enerxética xusta, por mor da  “grave situación” que atravesa o sector industrial galego.

“Non podemos permitir o peche de Endesa sen garantir unha alternativa de futuro, en termos económicos e de postos de traballo”, subliña a portavoz nacionalista, en referencia aos 700 empregos directos que dependen da factoría.

O BNG lembra que ten reclamado “en numerosas ocasión” que se establezan as modificacións legais pertinentes para que Galiza se beneficie das axudas a descarbonización, co obxectivo de que poida entrar no plan de acción urxente para países con centrais que usan o carbón e están ameazadas por peches, de forma que teña o mesmo tratamento que Asturias, Aragón ou Castela-León.

Así, a delegación quere informar tamén “da situación de exclusión de Galiza nos plans de transición xusta, tanto estatal como autonómica”.

 “É evidente que  Galiza ten que estar incluída nos plans de transición enerxética xusta da Unión Europea e necesita medidas que teñan como prioridade manter a actividade económica do país e os postos de traballo”, subliña a portavoz nacional, en referencia á aprobación do estatuto das electrointensivas e á tarifa eléctrica galega.

Comentarios