Política

BNG chama a Xunta a "intervir" as residencias de maiores e "exercer as súas competencias"

Ana Pontón propón iniciar un plan de choque "específico" para os centros de maiores públicos e privados con probas masivas de coronavirus e máis dotación de equipos de protección. 
Ana Pontón durante a videoconferencia con sanitarios e persoal de servizos socais (BNG).
photo_camera Ana Pontón durante a videoconferencia con sanitarios e persoal de servizos socais (BNG).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou esta terza feira o Goberno galego a exercer as súas competencias e iniciar un plan de choque "específico" para protexer ás residencias públicas e privadas de maiores con probas masivas da COVID-19 e material de protección tanto para o persoal como para as usuarias.

Para a líder do BNG a situación detectada en Celanova pon de relevo unha realidade na Galiza "moi diferente" ao resto do Estado e "non vale dicir" que a situación nas residencias galegas co coronavirus "non é tan mala como a doutros territorios". Ese "non é un argumento, nin xustifica o que está sucedendo", salientou. 

O BNG xa advertiu estes días "da especifidade dunha poboación moi envellecida na Galiza" polo que urxiu "un plan de choque con probas masivas e reparto de material de protección para as traballadoras das residencias". "Non se pode tardar tanto en reaccionar nin tampouco se xustifica o traslado  de responsabilidades entre a Xunta e o Goberno do Estado", afirmou Pontón, quen volveu reclamar do Goberno galego "o exercicio das súas competencias" para actuar con urxencia.

"Requirimos da Xunta que tome en serio o que está acontecendo nas residencias de maiores e non abandone a un colectivo dos máis vulnerábeis ao coronavirus. A Xunta e Goberno estatal deben coordinarse e a Xunta debe intervir as residencias privadas para evitar que residencias públicas e privadas sexan un foco de extensión do coronavirus", aseveran desde o BNG.

Máis protección para as profesionais da sanidade

Ana Pontón mantivo esta terza feira dous encontros con representantes dos servizos sanitarios e sociais galegos por videoconferencia e lles trasladou o agradecemento polo importante labor que están a facer para "coidar da nosa saúde e das persoas maiores".

Tras analizar diversos aspectos da crise cos representates sanitarios e de servizos sociais, Pontón asegurou que "é necesario que a Xunta multiplique os seus esforzos" e insistiu en que "resulta chave garantir de equipos de protección individual (EPIs) a todo o servizo sanitario para que o sistema non colpase".

O BNG propón máis compras directas e que o tecido productivo galego, que non realiza labores imprescindíbeis, intensifique a producción de material de protección sanitaria.

Por outra parte, Pontón recalcou que é preciso "contratar máis persoal na sanidade pública" en "condicións dignas" e non con contratos por horas ou días. "Desgraciadamente", dixo, "a emerxencia sanitaria irá a máis e non podemos precarizar ás persoas que nos están coidando".  Así, apostou por "un plan de contratación garantindo a calidade nas condicións laborais".

Comentarios