O BNG chama á veciñanza de Baralla a acudir ao pleno municipal para "facer xustiza" coas vítimas do franquismo

A organización frontista quer converter a sesión extraordinaria na que se tratará a demisión do alcalde polas súas declaracións, nunha homenaxe @s represaliad@s do Concello

photo_camera Ángel Pérez Gándara, condenado a morte no '37

"É hora de facer xustiza con todas as vítimas do franquismo, de restaurar a memoria dos que deron a súa vida por unha sociedade máis xusta, dos que se entregaron a unha loita por un mundo de iguais, daqueles que fixeron posíbel o proxecto rexeneracionista da II República, porque desde o esquecemento sobre o que pasou non se pode construír unha sociedade democrática". 

Así de contundente foi o portavoz municipal do Bloque en Baralla, Xosé Manuel Becerra. Para @s nacionalistas o pleno municipal que con carácter extra-ordinario se desenvolverá esta quinta feira (22 de agosto) no municipio lugués, há de converterse nunha homenaxe ás vítimas do franquismo pois, acrecentou o voceiro do Bloque, "chegou a hora de que restituamos moral e tamén institucionalmente aos veciños de Baralla que sufriron o franquismo". 

"Son momentos de volver escribir una nova historia, arrincando do libro da mesma, aquelas páxinas escritas co sangue dos vencidos polos vencedores"

Neste senso, animan @s veciñ@s da localidade a asistiren ao pleno para renderen homenxe a persoas como Ángel Pérez Gándaras. Farmacéutico xulgado en Lugo por "rebelión militar" co resultado de sentenza a morte. Foi executado na cidade amurallada o 13 de febreiro de 1937. Coma el, Francisco Amado, Faustino Cela, Lino Fernández, Paulino Pardo e mesmo o seu irmán, Domingo Pérez Gándaras foron tamén xulgados e condenados a morte en Baralla entre 1937 e 1949. 

"Son momentos de volver escribir una nova historia, arrincando do libro da mesma, aquelas páxinas escritas co sangue dos vencidos polos vencedores, tócanos a nós estirpar a besta", aseverou Xosé Manuel Becerra quen máis unha vez exixiu a demisión do alcalde por ter afirmado que @s condenad@s a morte durante o franquismo "algo farían". 

Comentarios