BNG chama fraude ao acordo Anova-EU-Podemos e di que non estará nunha lista estatal

A candidatura de país non pode ter como obxectivo facer ministro a Pablo Iglesias. Así o afirmou esta quinta feira Xavier Vence.

Xavier Vence
photo_camera Xavier Vence


Interpelado polos meios nunha conferencia de imprensa, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, mostrou a súa "desilusión" polo pre-acordo de Anova, Podemos e EU, alianza que cualificou de "fraude" por estar feita ás costas "do proceso de diálogo aberto no país".

"O BNG ten claro que fagan os movementos que fagan outros, acorden o que acorden á hora de supeditarse ás estratexias estatais de Podemos, a cidadanía vai ter nas eleccións xerais unha candidatura galega de ampla base, plural, con vontade de defender os intereses de Galiza con grupo parlamentario propio, nunha lexislatura que vai ser clave", dixo Vence á imprensa.

Vence enfatiza a importancia da asemblea convocada por Iniciativa pola Unión para este domingo

Vence ten claro que o obxectivo da candidatura galega non pode ser "reforzar o grupo parlamentario de Pablo Iglesias, nen convertelo en ministro nun eventual goberno de coaligazón, senón darlle voz soberana a Galiza e ter grupo parlamentario propio no Congreso".

O BNG non estaría na onda de outras forzas políticas -dixo, en alusión a Anova- que estarían envolvidas nunha operación "para confirmar unha candidatura en clave estatal" por volta de Podemos.

Aliás, o BNG anuncia que continuará a traballar "a prol desa candidatura de país" e nese sentido Vence fixo fincapé na importancia da reunión -a Asemblea da Apertura- convocada pola Iniciativa pola Unión para este domingo en Compostela.

Comentarios