O BNG chama os concellos do País a unha ''rebelión cívica'' contra a ''doutrina do shock'' do PP

Presentará mocións en todos os municipios onde ten representación inspiradas no "espírito de Riotorto" contra medidas coma o repagamento dos fármacos porque "queremos que a Xunta desobedeza a Madrid e siga a cubrir medicamentos que hoxe teñen asignación orzamentaria pública".

vence
photo_camera [Imaxes: M.Montero]


O BNG impulsará desde os concellos en que goberna e naqueloutros onde ten representación mocións en que chama a unha "rebelión cívica" inspirada no que denominou "espírito de Riotorto" para combater o "atentado" do PP contra o modelo do benestar.

Anunciouno esta segunda feira o voceiro nacional da formación frontista, Xavier Vence, quen enfatizou que a responsábel de Política municipal, Goretti Sanmartín, está a traballar xa "man a man" con rexedor@s e concelleir@s do Bloque para frear desde os executivos municipais medidas coma o repagamento dos fármacos. Todo isto porque, en palabras de Vence, "queremos que a Xunta desobeceza a Madrid e que siga a cubrir medicación que hoxe ten asignación orzamentaria pública".

''Contestación'' nos concellos e nas rúas

Con ese obxectivo, @s nacionalist@s impulsarán unha "estratexia" amparada nunha vía dupla. Dunha banda a resposta social nas rúas, apoiando as mobilizacións convocadas diante de todos os hospitais da Galiza para o 8 de novembro e a manifestación nacional que decorrerá en Compostela o 17 dese mesmo mes. Doutra banda, a resposta institucional, con todos os concellos gobernados polo BNG xa declarados insubmisos perante o repagamento.

"Estamos a demostrar con feitos que é posíbel outra política que preserve os dereitos sociais", dixo Vence en rolda de imprensa. Para alén dos municipios que cubrirán o gasto en fármacos con diñeiro público --Riotorto, Mondoñedo, Monforte, San Sadurniño, Ribadeo, Allariz, Zas, Vimianzo, Póboa do Broullón--, citou tamén a decisión do concello de Pontevedra de romper o teito de gasto ou o apoio que desde o concello de Tomiño se está a dar aos bancos de alimentos para comedores escolares.

Con todo, o chamamento "á contestación" esténdese a todos os gobernos locais do País. Dixo Xavier Vence que este "plan de resposta á política agresiva de recortes" ten que servir para facer fronte á "doutrina do shock" que está a aplicar o PP no ensino, na sanidade ou no sistema de pensións. "Ten que haber unha rebelión cívica encabezada polos concellos, que son os que están máis próximos á cidadanía", concluíu o voceiro nacional do BNG.

Que goberne a listaxe máis votada é ''anticonstitucional''

Na súa comparecencia perante os medios de comunicación, Vence valorou tamén o anuncio do presidente da deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, a respeito dunha posíbel reforma eleitoral impulsada polo Goberno español para que goberne a listaxe máis votada, isto é, para vetar as coligacións entre forzas políticas.

O nacionalista cualificou a iniciativa como "máis un golpe á democracia" e subliñou que, "se non se retorce a letra da Constitución" española, esta non permitiría o que o PP pretende. Porén, sinalou tamén que "non me sorprendería" que @s conservador@s "forcen" a Carta magna para darlle "un sentido antidemocrático", pois os gobernos "deben ser escollidos polos parlamentos".

Comentarios