Pleno de Compostela

O BNG busca recuperar patrimonio compostelán

Goretti Sanmartín sinala que o Museo Arqueolóxico Nacional ten no seu poder máis de 30 pezas de arte pertencentes a Galiza.
Sagrario do convento compostelán de Santa Clara (Nós Diario).
photo_camera Sagrario do convento compostelán de Santa Clara (Nós Diario).

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Concello de Compostela proporá no vindeiro Pleno a recuperación de esculturas do Coro do Mestre Mateo da Catedral, do Mosteiro de San Paio de Antealtares e do Convento de Santa Clara, así como outras pezas de gran valor patrimonial para Galiza, que se encontran no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid.

Segundo explicou a portavoz municipal nacionalista, Goretti Sanmartín, hai máis de 30 pezas que se atopan na colección do Museo Arqueolóxico Nacional, dependente do Ministerio de Cultura do Goberno do Estado, que pertencen a Galiza.

Esta demanda para a súa recuperación parte dun movemento que reclama que pezas "usurpadas tempo atrás" sexan "rescatadas e exhibidas" nos seus lugares de orixe.

Así, "a vía natural para conseguir este patrimonio galego debe ser pola propia vontade política, xa que está en mans dunha institución do Estado", afirmou Sanmartín.

En concreto, no caso destes bens de Compostela, a portavoz do BNG explicou que se trata de dúas esculturas realizadas no obradoiro do Mestre Mateo e pertencentes á Catedral: unha de Santiago o Menor, que formou parte do coro da basílica, e outra de san Bartolomeu.

Destacan tamén na colección do museo estatal dúas columnas do conxunto escultórico de San Paio de Antealtares do século XII, con imaxes dos apóstolos san Paulo, san Pedro e santo André; e de Santiago o Maior, san Bartolomeu e san Mateu. Ademais dunha porta de sagrario do convento de Santa Clara de estilo barroco con placas de marfil de época románica, segundo consta no catálogo deste centro de arte e trasladou Sanmartín.

Un "importante conxunto de torques de gran valor" que teñen como lugares de referencia Sobrado dos Monxes, Betanzos, A Coruña, Ortigueira, Cospeito e Ribadeo tamén forman parte da colección do Museo Arqueolóxico Nacional.

Negociación orzamentos

Por outra banda, Sanmartín destacou que na negociación dos orzamentos da cidade o Goberno pretende incluír algunha proposta súa, mais non se compromete, "de momento", a facer o "proxecto da planta de compostaxe, nin o plan para dinamizar a vivenda baleira nin o aparcadoiro público no campus".

Comentarios