BNG e Bloco avanzan nunha "alianza atlántica" en infraestruturas, mobilidade e ámbito cultural e lingüístico

Saída sur de Vigo, Corredor Atlántico, pasaporte transfronteirizo ou impulsar a Lei Paz Andrade, temas desta segunda cimeira entre ambas as organizacións que terá continuidade cun terceiro encontro en Lisboa.

 

FOTO CUMIO BNG E BLOCO PORTO 19 ABRIL
photo_camera Imaxe da cimeira (Foto: BNG)

A segunda cimeira galego-portuguesa entre o Bloque Nacionalista Galego e o Bloco de Esquerda conclúe coa sinatura da Carta do Porto, un paso máis nesta alianza atlántica fronte ao centralismo, -tanto do Estado español como de Portugal-, e na defensa dun deseño de infraestruturas e investimentos que permita a cohesión territorial e faga de contrapeso fronte a unha “visión centralista que escora cara ao Mediterráneo”.

"Galiza e Portugal temos intereses comúns e por iso apostamos por unha cooperación intelixente que nos permita avanzar en ámbitos que son clave a un lado e outro da raia", sintetizou a líder do BNG, Ana Pontón, acompañada na comparecencia pola súa homólogo no Bloco, Catarina Martíns. Uns ámbitos que a portavoz nacional sintetizou nos tres principais asuntos abordados no encontro.

As conexións ferroviarias, en particular a saída sur de Vigo e o Corredor Atlántico; a mobilidade transfronteiriza a un lado e outro do Miño, -a parte máis dinámica dos 1.200 quilómetros de fronteira-; e as relacións culturais e lingüísticas, a través do  desenvolvemento da Lei Paz Andrade.

En relación ás infraestruturas, "a clave está na modernización ferroviaria con tres proxectos estratéxicos para a mobilidade de persoas e para a competitividade das empresas", indicou Pontón, con tres actuacións fundamentais.

A primeira é a conexión Vigo-Porto con velocidade alta, -o que se coñece como saída sur de Vigo-, que permitiría tecer unha gran área metropolitana entre ambas cidades. A segunda, o Corredor Atlántico de Mercadorías: que debe conectar Galiza e Portugal co resto de Europa, "e non pode ser menos que o Corredor Mediterráneo, nin imos permitir dúas velocidades", subliñou.  E por último, o Eixo Atlántico de Mercadorías Ferrol-Sines: é dicir, conectar de norte a sur Galiza e Portugal, facilitando un dinamismo económico e social sen precedentes en beneficio de ambos.

O segundo gran tema foi a mobilidade transfronteiriza, "moi afectada pola pandemia dificultando a vida de miles de persoas que, sobre todo por razóns de traballo, teñen que desprazarse cada día entre ambos territorios", alegou. Neste sentido, do cumio saen tres propostas concretas, entre as que destacan o impulso a unha carta ou pasaporte de cidadanía transfronteiriza ante os Gobernos español e portugués, destinada aos traballadores e traballadoras a un lado e outro da fronteira, para facilitar a súa mobilidade e tamén para simplificar trámites administrativos.

Finalmente, no ámbito cultural e lingüístico, abordouse o nivel de aplicación da Lei Paz Andrade para aproveitar a oportunidade de compartir unha lingua que falan 250 millóns de persoas en todo o mundo. Entre as propostas, intercambio de emisións da televisión e radios públicas dos dous países, así como de programas e producións audiovisuais e potenciar o coñecemento do portugués nos centros de ensino.

Este cumio galego-portugués de Porto, despois do realizado en Vigo en decembro, volverá ter continuidade cunha nova cita en Lisboa en poucos meses para seguir avanzando nesta alianza atlantica que ten como obxectivo "sumar a favor dos nosos respectivos pobos", concluíu Pontón.  

Comentarios