BNG actúa en Bruxelas para evitar a exclusión da frota galega de Mauritania

A organización presentará diversas iniciativas no Parlamento Europeo contra un convenio que implicaría o despezamento de gran parte da frota cefalopodeira da Galiza

O BNG intentará frear en Bruxelas o acordo pesqueiro da UE con Mauritania, un convenio que exclúe a frota cefalopodeira galega do caladoiro dese país africano, unha medida que implicaría importantes prexuízos en comarcas como o de Morrazo, onde ten porto base gran parte deses barcos.

A eurodeputada nacionalista Ana Miranda mantivo en Marín unha xuntanza cunha comisión de mariñeiros e armadores afectados pola medida prevista por Bruxelas, encontro onde tamén estivo o deputado do BNG Bieito Lobeira. Lobeira está convencido de que a intención da Unión Europea é substituír a frota cefalopodeira galega por outras extracomunitarias.

Lobeira defendeu que a única alternativa para esta frota é volver a Mauritania, «non hai outros caladoiros posíbeis», e en caso contrario, só lles quedaría o despezamento.

Os obxectivos do BNG son, en primeiro lugar, suprimir o convenio pesqueiro no Parlamento europeo. Asemade, solicitan ao Goberno a articulación de axudas a tripulantes e armadores «para evitaren dramas humanos» e, para rematar, fixo público o apoio do BNG a todas as mobilizacións dos afectados.

Europa

Ana Miranda recalcou que, aínda que para a Unión este protocolo só supón a eliminación do 30% da frota, «para Galiza significa a desaparición do 99% dos buques que faenaban en Mauritania».

Alén diso, asegurou que votará en contra da ratificación do pacto cando este tema sexa tratado no Parlamento. Tamén recordou que esta institución ten plenas competencias para aboliren ou aprobaren leis pesqueiras, entre outras.

A eurodeputada nacionalista confirmou que os informes de sobre-explotación, onde se apoiou a comisión para pechar o acordo, non teñen rigor científico xa que datan do ano 2008 e para estudar os cefalópodos é necesario un seguimento anual.

Comentarios