O BNG avoga por acordar unha “desescalada galega” no Parlamento

O Bloque Nacionalista Galego aposta por un plan de desconfinamento propio consensuado na Cámara galega con todos os grupos do Parlamento. Así llo vai trasladar ao presidente da Xunta este domingo na reunión telemática prevista cos partidos.
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG (Europa Press).
photo_camera Ana Pontón, portavoz nacional do BNG (Europa Press).

O BNG defende unha desescalada deseñada desde Galiza para saír paulatinamente do confinamento e afrontar as consecuencias da crise sanitaria con medidas adaptadas á realidade do país. Así o avanzou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen este domingo ten previsto achegarlle esta e outras propostas ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no encontro que manterá con representantes de todas as forzas políticas.

Neste sentido, Pontón tamén adiantou que a súa formación rexeita unha visión uniforme e centralista do desconfinamento, sen considerar as situacións diversas dos territorios, mesmo en termos epidemiolóxicos. Con todo, recalcou, a estratexia debe ser pactada na Cámara galega.

“Non queremos que as présas ou a falta de análise boten a perder o que conseguimos con tanto esforzo neste 40 días de confinamento".

“Defendemos unha desescalada galega consensuada no Parlamento entre toda as forzas políticas para ter unha posición de país que nos permita loitar contra as consecuencias tremendas en termos sanitarios, económicos e sociais da pandemia”, detallou Pontón, “non queremos que as présas ou a falta de análise boten a perder o que conseguimos con tanto esforzo neste 40 días de confinamento, por iso a desescalada non se pode improvisar nunha rolda de prensa”.

Consenso

O BNG avoga polo consenso e pola colaboración “para actuar con eficacia nesta crise sen precedentes”. Sente sentido, denuncia “a incoherencia dun PP que fai na Galiza o contrario do que reclama en Madrid”.

“Non se entende que o PP propoña unha comisión no Congreso para deseñar unha desescalada mentres, aquí, Feixoo escapa da sede da soberanía popular”, subliñou a portavoz nacionalista.

Ana Pontón reclama “unha posición de país para sacar adiante Galiza tras esta pandemia” e pide traballar por xunto nunha estratexia de desescalada que teña en conta “a nosa realidade, a nosa dispersión, como nós afectou o coronarivus”.

Feixoo, ausente do Parlamento

Na véspera dunha nova conferencia do xefe do Executivo galego coas forzas políticas, Pontón volveu criticar a ausencia de Feixoo da Cámara lexislativa.

“Non é de recibo que no medio desta pandemia fuxa do Parlamento. Debe ter claro que non se pode gobernar Galiza desde unha pantalla de televisión, non queremos un telepresidente, queremos que haxa diálogo na Cámara galega, que se analicen as propostas e que se pacten para sumar polo ben do país”, concluíu.

 

 

Comentarios