Rexistrou o 21% das iniciativas no Parlamento

O BNG avanza "con decisión" no seu proxecto para Galiza

A portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento, Ana Pontón, salientou onte que o 2019 foi "un ano marcadamente electoral" no que a súa formación experimentou un "incremento de apoios" que "consolidou" a súa situación como "forza política á alza".
Ana Pontón na súa oficina no Parlamento.
photo_camera Ana Pontón na súa oficina no Parlamento (Europa Press)

Pontón manifestou que "o PP está no momento máis baixo e a sociedade galega está cansa de soportalo", mentres que "cada vez máis cidadás miran cara ao BNG" que avanza "con decisión" no seu proxecto.

A respecto da súa actividade parlamentaria, a líder nacionalista lamentou o aumento da violencia contra as mulleres, co exemplo claro do paritorio de Verín, que tamén a levou a criticar os recortes sociais. "Os recortes en Sanidade matan", destacou.

Ao mesmo tempo, Pontón apuntou que o BNG deulle voz a conflitos como o de Poligal, Unitono, Vulcano, Isowat ou Alcoa, con "máis de 1.000 empregos perdidos". Por todo isto  indicou que o 2019 foi un ano "con moitas sombras" pola crise do sector industrial e a posíbel recesión económica para a que  "Galiza non está ben preparada coas políticas do PP".

No ano que remata, o grupo do BNG no Parlamento da Galiza rexistrou "máis de 2.500 iniciativas" que, segundo explicou Pontón, "supoñen o 21% do total" das presentadas na Cámara galega sendo eles o "8%" dos deputados e deputadas, con seis escanos. "Cada deputada do BNG vale por tres, dígoo con toda a humildade e tamén con todo o orgullo", engadiu.

"O noso activismo reflectiuse en medidas contra a violencia machista, a estafa das peaxes da AP-9, os beneficios da enerxía eléctrica que produce o noso país, contra a emerxencia climática e por un pacto galego pola ciencia e a innovación", detallou.

Para a portavoz as "luces" deste 2019 foron a mobilización "exemplar" da sociedade galega na "defensa do emprego, da sanidade pública e dos dereitos das mulleres", así como que "Galiza recuperou a súa voz propia da man do BNG no Congreso".

"2020 é o ano do cambio real para Galiza, o ano no que deixemos atrás os recortes e a decadencia do PP", agregou Pontón, quen afirmou manter un "diálogo constante" con todos os sectores da sociedade e recalcou que ten un "proxecto propio" sen "dependencias" estatais.

Comentarios