28-M

O BNG denuncia unha "campaña de difamación" desde as filas do PP contra o seu candidato por Santa Comba

Notas nos buzóns e mensaxes difundidas reiteradamente polas redes sociais. Eses son os medios que estarían a empregar quen, segundo a formación nacionalista, busca difamar o seu candidato no municipio, Juan David Sixto, a falta de poucos días para as eleccións.
O alcaldábel do BNG por Santa Comba, Juan David Sixto. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O alcaldábel do BNG por Santa Comba, Juan David Sixto. (Foto: Nós Diario)

Juan David Sixto é a cabeza visíbel do proxecto do BNG en Santa Comba (comarca do Xallas). O candidato nacionalista aspira a se facer coa Alcaldía este 28 de maio nun municipio gobernado pola 'popular' María José Pose desde o verán de 2021, cando logrou o apoio de dous edís socialistas para desprazar do cargo, perante unha moción de censura, o alcalde de Compromiso por Galicia, David Barbeira, quen prometera ao PSdeG ceder o bastón de mando no ecuador do mandato.

E precisamente desde as filas da formación que ostenta actualmente o poder estaría a fomentarse unha campaña 'sucia' contra Sixto, quen, canda o propio Bloque, porá en coñecemento da Xustiza e da Xunta Electoral as "difamacións" ás que asegura estar sometido nas últimas datas. O alcaldábel nacionalista alerta dunha "campaña de acoso" contra a súa persoa e mais o seu círculo familiar, con "falsas e graves acusacións" vertidas a través das redes sociais por parte dun integrante da lista do Partido Popular. Mais non só na internet: tamén por medio de "notas en caixas de correos", afirma.

Segundo puido saber Nós Diario, Sixto, que esta cuarta feira comparecerá na sede nacional do BNG xunto a compañeiros e compañeiras súas da lista de Santa Comba e responsábeis da organización, xa interpuxo esta terza unha denuncia por mor da campaña que esta noite se difundiu no concello, "tanto nos buzóns por medio dun texto en papel como en formato dixital nas redes".

"Son completamente falsas e un ataque contra min como candidato do BNG polo que, de maneira urxente, decidín pór en coñecemento da Policía os acontecementos para que tomen medidas contra os autores", sinala. E, alén da denuncia xa presentada, a formación nacionalista estuda a adopción de diferentes medidas para facer fronte ao que, en palabras da súa responsábel comarcal, Elvira Cienfuegos, constitúe "un ataque que pon en cuestión o candidato e provoca un grave prexuízo á súa persoa e tamén á súa familia que non podemos permitir".

As acusacións diríxense tamén, aseguran, a outra persoa integrante da candidatura do Bloque. "É un ataque claramente político co que queren pór en cuestión unha candidatura que se presentou nun acto masivo e que estaba a ser apoiada por moitas veciñas e veciños de Santa Comba", incide Cienfuegos, quen lamenta que "aínda algúns continúen pensando que é mellor eliminar o BNG con estas prácticas porque teñen medo dunha política limpa e ao servizo da veciñanza".

As presuntas mensaxes difamatorias xa denunciadas ante as autoridades foron difundidas, precisan, a través de grupos de WhatsApp "por parte dunha candidata do PP" no municipio, algo que, entenden, deixa de manifesto "a intencionalidade dos feitos e o obxectivo político de amedrentar e cuestionar a candidatura do BNG".

O Bloque confía en que se esclarezan os feitos "á maior brevidade" e que se identifquen as persoas responsábeis desta campaña que non dubidan en cualificar de "ataque á liberdade política, ao dereito a presentar unha candidatura e, se for o caso, implicación política do partido ao que pertence a persoa que está a difundir as mensaxes".

É por iso que piden ao presidente da Xunta e líder do Partido Popular na Galiza, Alfonso Rueda, que se pronuncie cando antes a respecto desta polémica e, "se non está de acordo con este gravísimo ataque na campaña electoral e estas prácticas antidemocráticas, que exixa unha aclaración e tome medidas coas persoas da candidatura implicadas".

Comentarios