O BNG aspira a conseguir un "grupo galego determinante" no Congreso

Para Ana Pontón, o 28 de maio supuxo "máis vento nas velas" para que se produza a saída do PP do Goberno da Xunta.
Representantes do Consello Nacional do BNG, este sábado en Teo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Representantes do Consello Nacional do BNG, este sábado en Teo (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixou como obxectivo da formación nacionalista para as eleccións xerais do 23 de xullo aumentar a representación para que exista un "grupo galego determinante" e que "a axenda galega" gañe peso en Madrid, meta que considera que o Bloque pode conseguir en virtude da tendencia das pasadas eleccións municipais que, ao seu xuízo, "confirman" que existe unha "onda de cambio" na Galiza que está "liderada" polo BNG.

Así o manifestou na súa intervención ante os medios de comunicación durante o Consello Nacional do BNG que tivo lugar en Teo este sábado co foco situado na análise do resultado das eleccións locais do 28 de maio e na preparación das xerais convocadas para este verán.

A líder nacionalista apelou a aproveitar o impulso das municipais para enfrontar "con ilusión e determinación" as eleccións xerais, nas que o BNG "sae a gañar" coa meta de incrementar a súa representación nas Cortes.

"Pode que haxa forzas políticas ás que colla esta convocatoria co pé cambiado. Ao BNG non. Estamos no mellor momento da nosa historia", aseverou Pontón, que enxalzou os resultados logrados na cita coas urnas do pasado domingo, da que, para a súa portavoz nacional, o Bloque "sae tremenda reforzado" ao "confirmar" que "a onda de cambio político na Galiza non para de crecer".

Para Pontón, o 28 de maio supuxo "máis vento nas velas" para que se produza a saída do PP do Goberno da Xunta, un proceso que o BNG "lidera" e serve "de referencia", como, para a líder nacionalista, evidencia que fosen "a forza que máis sobe" en apoios e en representación.

Así, valorou as 19 maiorías absolutas logradas e a posibilidade de alcanzar outras 40 alcaldías a través de pactos, con especial relevancia da continuidade de Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra e a consecución do bastón de mando en Santiago, onde Goretti Sanmartín converterase na primeira alcaldesa da capital galega, un "símbolo da Galiza que vén".

Neste sentido, agradeceu o traballo das candidaturas e as bases durante as últimas semanas, á vez que enxalzou o compromiso tanto da xente nova "que se incorporou á política municipal" do BNG como á "implicación" das persoas que non son militantes mais formaron parte de listas e axudaron na campaña. "Fixérono porque hoxe o BNG é o espazo de suma para todas as persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón", apostilou.

Unha Galiza con “dinámica propia”

Así as cousas, Pontón resaltou que as eleccións municipais "confirman" que a Galiza ten unha "dinámica política propia", "diferenciada" da estatal, á que "non se axusta", o que a levou a sentenciar que "a dereita española" debe "tomar nota" de que os "marcos 'trumpistas' non serven para nada" na Galiza.

Pasadas as locais e en pleno proceso de negociación de pactos post electorais, o Bloque pon en marcha o proceso de elaboración das listas para as xerais, que será unha lista "de país" na que aspiran a recoller distintas "voces" e "apoios".

Cuestionada sobre se repetirá o deputado Néstor Rego e tras valorar o seu traballo feito durante os últimos catro anos, Pontón incidiu en que "quen ten que falar primeiro é a militancia" para confeccionar unha candidatura que, como apuntou, ten que estar lista "en tempo récord".

Para estas xerais, a líder do BNG considera que terá lugar a campaña "máis centralista e bipardista da historia" pois se exporá como unha pugna entre "o bloque de Feixoo e os seus aliados contra o de Sánchez e os seus aliados". "Fronte a isto, o noso bloque é a Galiza, é o que imos defender", aseverou.

Por iso, o BNG márcase como obxectivo aumentar a súa representación nas Cortes para que exista un "grupo galego determinante" capaz de facer que a "axenda da Galiza" teña importancia na toma de decisións do Estado. "Cun único deputado logramos avances e logros para as maiorías sociais. Se puidemos facer isto cunha única voz, se temos grupo galego en Madrid os beneficios serán inmensos", concluíu.

Comentarios