MUNICIPAIS 2015

O BNG-Asembleas Abertas presenta unha campaña con doazóns cidadás e sen un euro da banca

“Depende de nós”, o lema de campaña do BNG-Asembleas Abertas para o 24M

campaña
photo_camera campaña

Co aval da súa experiencia tanto nos gobernos municipais como na oposición e con vontade de se converter en alternativa nas vindeiras eleccións o BNG-Asembleas Abertas presentou os eixos fundamentais do que será a súa campaña para os comicios municipais. Será unha campaña sen mailing masivo, na que non se pedirán cartos á banca mais na que se activará un sistema de doazóns a través da web dependedenos.gal. 

Nunha rolda de prensa que se desenvolveu esta quinta feira fíxose publico tamén o lema do que será a campaña para as listas do BNG-Asembleas Abertas. “Depende de Nós”, será a frase que máis repetirán nos quince días da campaña, lenda que xa se deu a coñecer a través dunha páxina web na que se cruzaban preguntas e respostas arredor das actuacións políticas nos ámbitos municipais. 

Foi o director de campaña, Bieito Lobeira, quen se encargou de explicar o contido do lema que, segundo dixo, transmite que o modelo de concellos vai depender da propia cidadanía e do que vote o vindeiro 24 de maio. 

" BNG-AA “é a alternativa nacionalista solvente implantada en todo o territorio”, dixo Lobeira 

“Ofrecemos un modelo de concellos con paredes de vidro, libres de corrupción e de corruptos, concellos ao servizo das persoas, non de poderes de ningún tipo, concellos nos que se poda vivir e traballar con dignidade, concellos con servizos sociais públicos de calidade, e concellos galegos, orgullosos da súa identidade e de formar parte deste país”,  dixo Bieito Lobeira ao tempo que defendeu que BNG-AA “é a alternativa nacionalista solvente implantada en todo o territorio” que se presenta co aval da súa experiencia fronte outras forzas políticas ou alternativas. 

 “A xente fala dos concellos do rural apelando ao modelo de Allariz, e fala dun concello urbano e apela ao modelo de Pontevedra. Estes modelos non existen en calquera outra forza política”, defendeu Bieito Lobeira. 

Tres fases dunha campaña 

Tres son as fases que o BNG presentou na rolda de prensa da campaña para os comicios do 24 de maio. A primeira está xa iniciada e consiste no diálogo a través de preguntas directas á cidadanía para reflectir sobre temas de relevancia tanto na xestión pública como para o benestar xeral. Servizos públicos, emprego, urbanismo responsábel ou xestión dos recursos son algúns dos asuntos arredor dos que se poñen sobre a esa preguntas e respostas. Esta primeira fase da campaña móvese nas redes co hastag #dependedenós e na web http://dependedenos.gal/.

A proposta marco para os concellos que xira arredor dos cinco eixos “concellos abertos, para vivir, sociais, públicos e galegos” centra a segunda fase da campaña mentres a terceira xirará en torno á difusión das candidaturas, tanto da persoa que encabeza a lista como da listaxe ao completo. 

"O acto de presentación de candidaturas será o 25 de abril en Pontevedra"

Financiamento colectivo

Especial fincapé se fixo no financiamento dunha campaña na que o BNG non recorrerá a créditos bancarios nin fará mailing masivo. Será, segundo dixo Lobeira, unha campaña “boca a boca e porta a porta” realizada con recursos propios, tanto por medio das cotas da militancia -que farán aportacións extraordinarias- como dos cartos achegados por simpatizantes para o que se activa un sistema de doazóns, “crowfunding”- a través da web dependedenos.gal. Como novidade presentaron tamén a activación dunha rede de activistas formada por voluntariado de apoio ás candidaturas. 

Cita o 25 de abril 

En Pontevedra e na sinalada data 25 de abril terá lugar un acto de presentación de candidatas e candidatos co fin de facer visíbel a implantación do BNG en todo o territorio.  “Porque non somos unha marca electoral, nin un produto televisivo de último minuto, temos unha traxectoria de décadas de traballo en defensa do país”, dixo Bieito Lobeira. 

Comentarios