O BNG aproba actualizar os principios políticos da formación cara á súa XVI Asemblea Nacional 

A fronte nacionalista celebrará o encontro os próximos 25 e 26 de marzo na Coruña, unha cita da que quere saír “renovado e fortalecido” e consolidar “o tempo novo” iniciado coa recuperación do apoio social e electoral das pasadas eleccións galegas.

Consello Nacional do BNG
photo_camera Consello Nacional do BNG

O Consello Nacional do BNG aprobou por ampla maioría as teses políticas e os novos estatutos cos que a formación concorrerá á súa XVI Asemblea Nacional, que terá lugar na Coruña os próximos 25 e 26 de marzo e que coincidirá co 35 aniversario da fundación da fronte na mesma cidade. Unha cita da que o Bloque quere saír “renovado e fortalecido” para ser “a casa común do nacionalismo galego” e de consolidar “o tempo novo” iniciado coa recuperación do apoio social e electoral das pasadas eleccións galegas.

“Son as teses políticas máis traballadas, participativas e debatidas da historia do BNG”, sinalou durante a reunión do máximo órgano entre asembleas o secretario de Comunicación, Rubén Cela. Unha Asemblea Nacional que aspira a actualizar os principios políticos da fronte por primeira vez desde a súa fundación, segundo destaca a formación en nota de prensa. Con ela concluirá o denominado Proceso Adiante no que participaron 1.800 persoas (600 delas non militantes) ao longo de todo o país.

“Son as teses políticas máis traballadas, participativas e debatidas da historia do BNG”, sinala o secretario de Comunicación, Rubén Cela.

“Sabemos que queda moito traballo por facer, mais tamén pensamos que estamos no bo camiño, despois de que moitos galegos e galegas volveron mirar para o BNG como un proxecto político serio, solvente e rigoroso para construír unha Galiza con futuro desde nós e para nós, e cunha forza que ten a cabeza e o corazón neste país”, salientou Cela, que explicou que o BNG pasará a definirse como “movemento socio-político” alén dunha organización partidaria, entre outras novidades recollidas nas teses políticas.

Avanzar cara a soberanía do país, reforzar o papel de Galiza Nova e dar maior protagonismo as e os simpatizantes son os puntos centrais da nova folla de ruta dos nacionalistas. 

Entre os obxectivos da formación a medio prazo, recollidos na denominada Estratexia Avanza Galiza 2017-2020, están acadar un concerto económico para unha autonomía fiscal e financeira plena, banca e facenda galegas, un poder xudicial propio e competencias exclusivas en infraestruturas como a AP-9, portos ou aeroportos.

“Trátase da carta de dereitos e deberes máis avanzada de todo o Estado en materia de transparencia e participación, de recoñecemento da pluralidade interna e información total á militancia".

O proceso inclúe tamén a aprobación duns estatutos que reforzan o papel das bases, especialmente da mocidade. “Trátase da carta de dereitos e deberes máis avanzada de todo o Estado en materia de transparencia e participación, de recoñecemento da pluralidade interna e información total á militancia”, dixo o secretario de Comunicación do BNG a respecto dos novos textos. 

Nese sentido, contemplan unha Comisión de Garantías cuxas competencias “transcenda o de ser arbitro de conflitos para velar polo cumprimento dos acordos da Asemblea Nacional”, a continuidade das asembleas abertas, coa posta en marcha dunha Rede de Concellos Nacionalistas, e o relanzamento da Fundación Galiza Sempre como centro de estudos, análise e formación nacionalista.

Comentarios