Política

BNG aposta por unha solución á crise adaptada á realidade da Galiza: "Non podemos estar agardando por Madrid"

Ana Pontón reclamou a "realización masiva" de test de coronavirus para persoal sanitario e colectivos vulnerábeis, como as persoas maiores e as embarazadas, para as que pide á Xunta un "protocolo" específico nesta crise.

A portavoz nacional do BNG, Ana Potón,
photo_camera Ana Pontón (BNG).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, evidenciou esta segunda feira que "a centralización de competencias que trouxo o estado de alarma non está sendo eficaz" e, nese sentido, "instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a "exercer o autogoberno e liderar unha solución á crise adaptada á realidade do país".

"Estamos vendo que a centralización non nos resolve os problemas e necesitamos ter respostas propias, por iso lle pedimos á Xunta que lidere, que tome a iniciativa e que recupere ese autogoberno e a capacidade de actuación plena porque é evidente que necesitamos solucións pensadas desde a nosa propia realidade e non podemos estar agardando a que desde Madrid nos solucionen, ou non, os problemas que temos neste momento", argumentou Pontón na súa comparecencia posterior á reunión virtual da executiva do BNG.

A líder nacionalista fixo este chamamento a Feixoo tras subliñar o "fracaso" á hora de garantir o subministro de material sanitario de protección, pois sinalou que "a centralización das compras non está dando bos resultados", e recalcou que o presidente galego "debe implicarse na busca de material en tres ámbitos: activar as compras a nivel internacional, localizar empresas que teñan equipamento de protección pola súa actividade ordinaria para poñelo a disposición da Xunta e activar un plan urxente para autoabastecemento de máscaras, batas, gafas, test ou respiradores".

"Hai capacidade no país para poder facelo tanto por parte das empresas como das universidades, pero o Goberno galego ten que liderar esta iniciativa chave para xestionar con éxito esta crise”, alegou Pontón.

En materia sanitaria, o BNG insiste en demandar o peche dos territorios cunha afectación máis virulenta e blindar as zonas menos afectadas. "Noutras palabras: pechar Madrid e blindar Galiza", incidiu Pontón. 

Así mesmo, as nacionalistas reclaman a "realización masiva" de test de coronavirus, sobre todo entre o persoal que traballa en servizos esenciais, en particular o sanitario, pero tamén entre os colectivos máis vulnerábeis como as persoas maiores; unha prevención que, "á vista do tráxico desenlace do falecemento dunha embarazada, debería tamén trasladarse a todas as mulleres grávidas se así o solicitan e nese sentido debería articularse algún protocolo por parte da Xunta", segundo indicou a súa portavoz.

"Se o peor está por vir, como repite Feixoo, preparémonos", salientou Pontón, quen propuxo "garantir os equipos de protección a todas as persoas que están na primeira liña de combate contra o coronavirus", e "preparar infraestruturas sanitarias anticipándose a unha posíbel saturación do sistema público de saúde"; así como un "plan de choque nas residencias de maiores". 

Precisamente para dar conta da crítica situación dos centros de maiores o BNG requeriu unha explicación do Goberno e, por iso, solicitou a comparecencia da conselleira de Política Social na Deputación Permanente do Parlamento.

Implicación da sanidade privada

No aspecto sanitario, a líder nacionalista tamén fixo fincapé na necesidade de garantir a implicación da sanidade privada, asegurando que non se produza infrautilización de material ou instalacións nin despedimentos. Reclamou "contratos con todas as garantías para o persoal de reforzo e trato igualitario na sanidade para estranxeiros e inmigrantes irregulares durante a crise, como xa fixo Portugal".

En relación as repercusións da pandemia sobre a economía, o BNG pediu unha "actuación decidida" do Estado e da Xunta para preservar o tecido empresarial, o emprego e os dereitos laborais e sociais, de novo instando a Feixoo "a liderar unha resposta galega" ante a falta de "medidas de calado" a nivel estatal.

Comentarios