O BNG aposta polo "autogoberno" e por un modelo comarcal para saír do confinamento

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, rexeita o sistema de áreas sanitarias proposto pola Xunta para levar a cabo a desescalada na Galiza e aposta polo comarcal. Pídelle a Núñez Feixoo que rectifique a súa decisión de consentir o mando único do Estado para reclamar autogoberno e tomar decisións nesta crise sanitaria.
EuropaPress Ana Ponton durante a reunion telemática co presidente da Xunta
photo_camera Ana Pontón durante a reunión telemática co presidente da Xunta e representates das forzas parlamentarias (EuropaPress).

A líder nacionalista, Ana Pontón, explicou após a reunión telemática entre o presidente da Xunta e o resto de grupos do Parlamento galego que tanto o modelo comarcal como a capacidade de tomar decisións desde Galiza son esenciais para que as medidas de relaxación do confinamento "funcionen no caso de galego".

"Feixoo debe rectificar a súa decisión de defender que Madrid siga tomando as decisións. Na práctica tomar decisións co esquema do que pasa en Madrid non se adapta a Galiza. É un erro", recalcou.

Desescalada comarcal

O BNG tampouco ve con bos ollos a proposta do Goberno galego de optar por unha desescalada baseada no criterio xeográfico das áreas sanitarias, xa no caso de "Lugo e Ourense a área sanitaria correspóndese coa provincia".

Para Ana Pontón, "é lóxico utilizar un criterio comarcal que teña en conta as realidades diferentes entre unha cidade e unha vila ou as contornas rurais". Así, abundou, "é un exemplo práctico da necesidade que temos de pór en marcha un plan de desconfinamento pensado desde a Galiza".

Uso obrigatorio de máscaras

A portavoz nacionalista salientou que, en calquera escenario posíbel, calquera tipo de medida destinada ao desconfinamento debe realizarse "con garantías sanitarias, porque o primeiro segue sendo a saúde" da cidadanía.

Pontón fixo un chamamento á "precaución" e volveulle trasladar ao tirular da Xunta a idea de instaurar un "protocolo de uso de máscaras que garanta a repartición gratuíta a toda a poboación". Neste sentido, Pontón avoga polo uso obrigatorio e unha distribución a través das farmacias e da Atención Primaria.

Tests masivos

A líder do BNG reclama, ademais, que os tests masivos se realicen a todos o persoal sanitario, ao das residencias e ás traballadoras do Servizo de Axuda non Fogar (SAF). Así, considera necesario "pór en marcha un plan de autoabastecemento nese ámbito", xa que "facer tests e rastrexar o virus será clave para que o desconfinamento teña éxito e non se dean pasos atrás".

Por último, a portavoz do Bloque volveu instar a Feixoo a "comparecer cada semana na Cámara galega" e deixar de "fuxir do Parlamento", no que só compareceu "unha vez" desde que se decretou o estado de alarma.

Ao seu xuízo, a cidadanía debe ver "que os grupos do Parlamento son capaces de chegar a grandes acordos de país" sobre "temas tan serios".

Comentarios