Eleccións xerais

O BNG aposta por unha Galiza "á vangarda nos dereitos das mulleres”

No seu primeiro acto de campaña, nas inmediacións dos xulgados da capital, e acompañada por máis de 40 mulleres, a portavoz da formación nacionalista, Ana Pontón, reivindicou “a forza imparábel” das galegas, as que define como “feministas e loitadoras pola igualdade”.

Foto Pontón Xulgados de Fontiñas
photo_camera Da esquerda á dereita, Rodil, Pontón e Da Silva, esta sexta feira nos xulgados de Compostela

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e as candidatas polas circunscricións de Pontevedra e Lugo, Carme Da Silva e Olalla Rodil, acompañadas por máis de 40 mulleres, concentráronse esta sexta feira, 1 de novembro, nas inmediacións dos xulgados de Fontiñas, en Compostela, para reivindicar “a forza das mulleres” e reclamar máis recursos contra a violencia de xénero.

A cita produciuse no marco da campaña electoral para as eleccións xerais do vindeiro 10 de novembro. Pontón incidiu en que “queda moito por facer” na loita contra a violencia de xénero e a desigualdade. Neste sentido, subliñou a “desigualdade laboral” e a “fenda salarial”, así como as diferenzas noutros ámbitos como “a cultura, o deporte ou a participación social” das mulleres.

A portavoz da formación nacionalista insistiu en situar no debate e na axenda pública “a loita” contra esta lacra “hoxe máis que nunca”, ante os diferentes pactos do Partido Popular con forzas “que queren dar pasos atrás” na loita contra a violencia machista e “mesmo cuestionando a súa propia existencia”, en referencia as alianzas do PP con Vox en distintas zonas do Estado.

“Por iso, dicímoslle a Feixoo, alto e claro que pactando con quen nega a realidade da violencia de xénero non está ao lado das mulleres, está ao lado dos que queren manter unha sociedade desigual e patriarcal”, advertiu Ana Pontón, que prometeu a reivindicación de “xulgados específicos contra a violencia de xénero en todas as cidades do noso país”, así como “abrir un debate sobre a urxencia de responder contra as violacións e agresións sexuais”, para o que -dixo- o BNG reclamará “a asistencia gratuíta para as vítimas”.

“Non é abuso, é violación”

Ademais, a nacionalista tamén se pronunciou acerca da recente sentenza na violación en grupo a unha menor en Manresa, criticando que cualifique de abuso sexual o que “en realidade é unha violación”, e criticou que as instancias xudiciais amparen o agresor en troques de defender as vítimas. Os delitos de agresión sexual -sinalou “deben ser considerados públicos”, “actuando de oficio a xustiza, aínda que a muller retire a denuncia”.

Pontón tamén aludiu a outras medidas necesarias contra a violencia machista como o establecendo dun protocolo para todos os sectores que deben dar resposta inmediata ante unha agresión sexual así como mellorar na conciencia e formación da sociedade. “Ou colocamos no centro do debate político que existen abusos ou seguiremos constando situacións que sitúan as mulleres na desigualdade”.

“Estamos aquí porque queriamos que o primeiro acto de campaña do BNG fose para reivindicar a forza imparábel das mulleres: Galegas, feministas e loitadoras contra a desigualdade”, concluíu Ana Pontón o seu discurso, no que tamén salientou que o BNG puxo en marcha a primeira Lei galega contra a violencia machista, "pioneira e máis avanzada que a lexislación do Estado".

Comentarios