ELECCIóNS XERAIS

O BNG, a prol da "confluencia" para unha "candidatura de unidade nacional galega"

O Consello Nacional do BNG, que se reuniu esta mañá, acordou promover un “amplo proceso social” co fin de artellar unha “candidatura nacional galega de unidade”, de maneira que aposta en apoiar “todos os procesos de confluencia que promoven diferentes plataformas e iniciativas.

Consello Nacional
photo_camera Consello Nacional

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, logo de subliñar os contactos da organización nacionalista con outras forzas políticas e plataformas cidadás, sinalou en declaración aos medios que o BNG vai “contribuír” a que a confluencia “sexa o máis ampla e o máis profunda posíbel”.

O nacionalista salientou a “importancia” da cita do 12 de setembro como punto de encontro en réxime de autoconvocatoria das diferentes plataformas, organizacións políticas e persoas que queiran participar no proceso para debater sobre a concorrencia da candidatura galega ás eleccións xerais.

Para o BNG na terceira semana de setembro debería estar “clarificado o panorama” de cara as eleccións xerais “para saber cales son as alternativas, as plataformas e as forzas políticas que conflúen nesa gran candidatura galega para o Congreso”.

Campaña sobre a importancia de ter unha "representación potente en Madrid"

Vence anunciou que o Consello Nacional aprobou emprender unha campaña  de “socialización” da súa aposta na candidatura galega de unidade que se debaterá en asembleas abertas por todas as comarcas. O BNG, que renunciou as súas siglas para promover a candidatura unitaria, desenvolverá unha campaña informativa sobre as vantaxes de ter Galiza “representación potente en Madrid”. Referiuse Vence, a continuación, á experiencia do traballo que desenvolveu o BNG no Congreso nos últimos vinte anos.

A campaña de difusión será un dos principais eixos de actividade da formación frontista de aquí á campaña electoral, engadiu Vence, quen insistiu na necesidade de que Galiza poida “defender os nosos intereses, defender un modelo social e económico que nos permita saír da crise, defender os nosos sectores produtivos para xerar emprego e frear a sangría migratoria como consecuencia das políticas nefastas que aplica o PP.

Comentarios