O relatorio político aprobado co voto a favor de 99,5% dos asistentes

O BNG aposta por ampliar a base social “para pór en marcha un cambio transformador”

O BNG prepárase para gobernar Galiza a partir de 2024. O elo común do relatorio político aprobado pola militancia do BNG afonda nesa idea e no papel a desenvolver pola organización nese contexto. A coincidencia da afiliación nesta cuestión ficou certificada no debate.

Votación enmendas
photo_camera Votación á totalidade do relatorio político. @obloque

O BNG está convencido dun Goberno liderado pola nacionalismo após as vindeiras elección galegas. Esta formulación paira polo conxunto da tese política ratificada pola afiliación nesta XVII Asemblea Nacional. A mesma foi presentada no plenario polos membros da Executiva, Ruben Cela e Noa Presas.

“A posibilidade real de que por primeira vez o nacionalismo galego lidere o futuro deste país obriga a estarmos á altura das circunstancias que nos corresponde xestionar”, sinala o relatorio político do BNG, que destaca que “a responsabilidade histórica que temos por diante esixe reparar con intelixencia no papel que lle corresponde ao nacionalismo galego nestas circunstancias, máis esixe tamén abrir un proceso de acumulación forzas e preparar a organización para asumir o liderado institucional deste país”.

Oposición con alternativas

A actuación política do BNG nestes próximos anos vai dirixida a ese obxectivo. Así, aposta por que “o labor de oposición do BNG, debe ser un labor contundente e firme fronte ao PP, mais ao tempo construtivo co noso país. Un labor de oposición que confronte coas políticas actuais da Xunta da Galiza, mais que propoña e ofreza alternativas”.

O BNG entende a súa presenza no Executivo galego como “unha oportunidade para reverter décadas de Gobernos nefastos da dereita e pór en marcha un cambio transformador, que poña no centro a Galiza como suxeito político, que mellore as condicións de vida, os servizos públicos ou a base produtiva, e que incremente a nosa autoestima colectiva”.

Os nacionalistas apostan por unha acción de goberno dirixida a acadar “maiores cotas de autogoberno, un Goberno capaz de defender os sectores produtivos e a xustiza social e un Goberno que, alén disto, sexa quen de facelo cunha xestión responsábel, solvente e eficiente”.

Eleccións locais

As eleccións locais  son o primeiro reto electora a enfrontar polo nacionalismo. Nesta liña, o relatorio político aprobado considera “unha prioridade no escenario político que temos por diante incrementar a presenza do BNG nos concellos e, como consecuencia, o número de Gobernos”.

“Os concellos do BNG non poden ficar ancorados nun labor rutineiro ou homologábel ao dos partidos do sistema”, afirma a tese política porque nos “moven principios e valores diferentes que constrúen concellos distintos. E é por isto que valores como a democracia real, o carácter vangardista do noso proxecto político ou a coherencia cos principios do nacionalismo deben estar presentes en cada unha das nosas actuacións”.

O relatorio político limitouse á “reafirmación e actualización dos principios políticos que hai catro décadas inspiraron o nacemento do BNG e que continúan a estar plenamente vixentes”. Poren, os textos repasaron as mudanzas producidas no mundo e na Galiza desde a pasada asemblea.

O documento a debate sinala que “nos atopamos nunha fase de transición entre unha etapa histórica caracterizada polo dominio mundial a nivel económico, militar e ideolóxico dos EUA e unha fase menos unipolar e máis multicéntrica onde potencias coma a China ou Rusia comezan a xogar un rol xeopolítico diferente ao que viñan ocupando nas últimas décadas”.

Os nacionalismos significan que “vivimos nun contexto a nivel mundial cheo de mudanzas e dificultades obxectivas para o que representa unha alternativa política nacionalista e antiimperialista como a nosa. Porén, tamén existen oportunidades, tanto no ámbito nacional como no social, que debemos tentar aproveitar”.

Comentarios