O BNG apoia, canda ERC e Amaiur, a anulación do macroxuízo da AN contra Batasuna

BNG e ERC estiveron esta cuarta feira no Congreso canda Amaiur para, nun acto informativo, respaldaren a anulación do xulgamento a 34 militantes da esquerda abertzale, no mediaticamente coñecido como caso das Herriko Tabernas.

DSC_0753
photo_camera Comparecencia conxunta

"Queremos construír pontes onde antes só había muros", afirma unha proclama contra o macroxuízo 35/02, en que se demanda a "absolución, o sobresemento ou a forma que mellor conveña" para as persoas xulgadas pola Audiencia Nacional.

BNG e ERC quixeron esta cuarta feira simbolizar o seu respaldo a este manifesto. Que pontes quere construír a esquerda abertzale e todas as persoas e colectivos que se identifican coa causa da pacificación en Euskal Herrai? Pontes cara ao futuro, pontes de ilusión e pontes de xustiza, desde a constitución dun novo suxeito, un novo "nós", "cidadás bascas que apostamos nun novo futuro de paz e xustiza, onde a confrontación se ha de saldar, se ha de xogar e se ha de definir no ámbito meramente político, e onde gañamos todas e todos".

"O Goberno español ten que dar pasos cara adiante e mollarse", di Rosana Pérez

A deputada Rosana Pérez afirmou perante a imprensa, nesta comparecencia conxunta realizada no Congreso, que "desde o BNG apoiamos todas as actuacións encamiñadas a solucionar o conflito no País Vasco, e desde logo este macroxuízo non contribúe para asegurar a tan esperada pacificación".

Acrescentou a parlamentar frentista que "desde o BNG cremos que é através do diálogo e do debate nas institucións como se pode chegar a unha solución".

O macroxuízo da Audiencia Nacional, resalta Rosana Pérez, "non vai nesa dirección".

"Por iso, hoxe aquí respaldamos e manifestamos o noso apoio e desexo de que haxa paz no País Basco canto antes. O Goberno español ten que dar pasos cara adiante e mollarse, pór todos os meios precisos para unha solución política definitiva".

Comentarios