A EMERXENCIA DE CIDADÁNS PROVOCA O RETROCESO DE PODEMOS

O BNG apenas acusaría os cambios no taboleiro e mantería a súa representación no Congreso

Segundo unha enquisa publicada por eldiario.es, o Bloque Nacionalista Galego está en condicións de obter escanos nas Cortes Xerais do Estado por 6 elección consecutiva (a representación tena desde 1996).

Olaia F. Davila e Rosana Pérez, deputadas no Congreso español
photo_camera Olaia F. Davila e Rosana Pérez, deputadas no Congreso español

O estudo feito por Celeste.Tel outorgarialle ao BNG o 0,70% dos sufraxios a nível estatal, apenas 7 centésimas menos que os obtidos en 2011 (0,77%). Daquela o BNG conseguiu 2 asentos na Carrera de San Jerónimo. Hoxe tería entre 1 e 2.

En termos absolutos, o descenso dun magro 0,07% significaría que no horizonte dunhas eleccións xerais o BNG apenas acusaría os profundos cambios experimentados no taboleiro político nos últimos tempos coa emerxencia de novas forzas como Podemos primeiro e agora Cidadáns (estas formacións si rouban moitos votos ás demais organizacións, tamén ás soberanistas).

O cadro xeral para as forzas nacionalistas non é precisamente positivo. Baixa o conxunto do nacionalismo catalán (sobe moi significativamente ERC -do 1,02% ao 2%-, mais o seu progreso non compensa a queda de CiU -que se desmorona desde o 4,23% de 2011 até o 2,20% que lle dá agora Celeste-Tel) e tamén o basco (aí caen quer o PNV -do 1,35 ao 1%- quer Amaiur -baixa do 1,39% ao 1%).

No que di respeito das forzas políticas de ámbito estatal, o que se produce é unha levísima recuperación do bipartidismo a respeito do inquérito anterior de xaneiro realizado por Celeste-TEL (o PP sobe o 0,7 % e o incremento do PSOE é de apenas o 0,6%) e unha redistribución do voto entre as forzas emerxentes a prol de Cidadáns (subiría até o 6,2% total do voto) e en detrimento de Podemos (que minguaría un 2,6%).

O partido que neste momento detenta a maioría absoluta quer en Madrid quer na Galiza cedería o 41% dos seus votantes, mentres que a fuga no PSOE se situaría no 38%

Con todo, a queda de PP e PSOE en relación co Congreso saído das eleccións xerais de 2011 é brutal. O partido que neste momento detenta a maioría absoluta quer en Madrid quer na Galiza cedería o 41% dos seus votantes, mentres que a fuga no PSOE se situaría no 38%.

O cenario final sería o seguinte: o PP obtería o 31,8% dos votos (entre 132 e 139 escanos), o PSOE iríase ao 24,4%, entre 90 e 93 asentos, mentres que Podemos sería a terceira forza co 18,3% dos sufraxios e entre 61 e 64 parlamentares.

Cidadáns sería a cuarta forza, entre 10 e 11 escanos, mentres que Izquierda Unida ficaría relegada á condición de quinta após pagar unha forte peaxe en termo de perda de votos (pasaría do 7,02% ao 4,50%). No mellor dos casos, os de Alberto Garzón conseguirían 8 actas.

Baixa participación

Mais talvez o dado máis surprendente do inquérito é a baixa participación do eleitorado que prognostica. Apenas un 59,4% das eleitoras e dos eleitores se animarían a ir votar. Isto contradí a hipótese dun cambio profundo e afasta a perspectiva de queda do réxime: as mudanzas acostuman viren acompañadas de altas taxas de participación do eleitorado. Significa tamén que as forzas novas non son quen de mobilizar os abstencionistas (o que farían sería producir unha redistribución dos sufraxios entre a xente que xa votaba). E significa por último que as forzas tradicionais -e nomeadamente o PP- teñen aínda campo para medrar. A chave para Génova sería activar o seu eleitorado abstencionista. A xogada para a direita española está clara: persuadir a súa freguesía agora distante e prepararse para un escenario post-eleitoral cun goberno de coligazón coa nova marca branca do españolismo conservador, Cidadáns.

Comentarios