O BNG apela á "rebeldía" de Rosalía para "deixar atrás esta década escura" do PP

Ana Pontón promete "unha nova política lingüística" e a derrogación do decreto do plurilingüismo se goberna tras o 5 de abril

Rosalía BNG Praza de Vigo (BNG)
photo_camera Homenaxe do BNG ante o monumento a Rosalía na Praza de Vigo, Compostela (BNG).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou esta segunda feira a figura de Rosalía de Castro, unha muller "feminista, galeguista" e "moi avanzada no seu tempo", e apelou á súa "rebeldía" para "deixar atrás esa década escura" do PP de Núñez Feixoo á fronte da Xunta.

Así o expresou a líder nacionalista durante unha homenaxe organizada polo BNG fronte ao busto de Rosalía situado en Praza de Vigo, en Santiago de Compostela,nos 183 anos do nacemento da escritora.

En plena precampaña electoral, Ana Pontón valorou que Rosalía de Castro "encarna eses valores que o BNG quere pór en marcha a partir do 5 de abril": "Unha Galiza orgullosa da súa identidade, de ter unha lingua e cultura propia. Unha Galiza que aposte por mirar cara a adiante e aposta pola modernidade".

Co reto de "deixar atrás" os case 11 anos de Feixoo como presidente da Xunta, a candidata do Bloque nos comicios autonómicos apelou ao "espírito" e á "rebeldía" rosalianos para "abrir un tempo novo" na Comunidade "que signifique abrir modernidade, autoestima e apoio" á identidade galega.

"Decreto da vergoña"

Para iso, a líder frontista ve "necesario" derrogar o "decreto da vergoña", en refrencia ao decreto do Goberno galego que en 2010 limitou a presenza do galego na educación non universitaria. "Prohibe o uso do galego en materias como as matemáticas e fai que hoxe teñamos a situación do galego nunha encrucillada", explicou.

Así, Ana Pontón aposta por "pór en marcha unha nova política lingüística que apoie á normalización" da lingua propia e que, ademais de derrogar ese decreto, avance "para defender con orgullo" a identidade de Galiza tras "11 anos de políticas lingüicidas".

"Cremos que este 5 de abril temos que apelar a esa rebeldía rosaliana para que todos os galegos e galegas que queren que a nosa lingua teña futuro se expresen apoiando ao BNG nas urnas, porque é a garantía de pór en marcha unha política lingüística que poña fin a estes anos de ataques á lingua galega", remarcou.

"Maioría polo cambio”

Por outra banda, Pontón foi preguntada polos medios sobre se cre que hai máis posibilidades de desbancar Feixoo da Xunta tras o acordo 'in extremis' da ‘esquerda rupturista’ --Podemos, Esquerda Unida (EU), Anova e as mareas municipalistas-- para que concorran ao 5 de abril cunha única candidatura, tendo en conta que En Marea desbota presentarse.

Respecto diso, a cabeza de cartel do BNG limitouse a responder que na Galiza "hai unha maioría social que quere cambio" e que nos últimos procesos electorais "expresouse dunha maneira clara e rotunda". Por iso, ve "unha oportunidade real" de derrocar o PP.

Con todo, advertiu que non abonda con que Feixoo perda a súa maioría, senón que "hai que pór en marcha un cambio real". "O que lle dicimos á cidadanía é que a mellor aposta é o BNG, porque temos un proxecto coas mans libres para defender Galiza" fronte a gobernos "sucursalistas de Madrid", sentenciou.

Comentarios