BNG apela á maioría que quer “un cambio real” e “desde Galiza”

Presentación oficial das candidaturas nacionalistas ao 5-A.

 

BNG presentación candidaturas

Hai na Galiza unha “maioría” que quer un “cambio real” e que ese cambio sexa “desde Galiza”, sen supeditacións nin sucursalismos. Esa é á ‘maioría’ á que se dirixiu o BNG esta segunda feira na presentación das súas candidaturas aos comicios do vindeiro 5 de abril.

“Imos a por todas e estamos preparadas para dar un gran salto adiante para mudar as cousas poñendo ao fronte da presidencia un Goberno coas mans libres liderado por unha muller, porque tamén é tempo de mulleres”, expresou a candidata, Ana Pontón.

A líder do BNG está convencida de que é posible abrir un tempo novo e fixo referencia ao “fastío” coas políticas da dereita e o desexo de deixar atrás unha década de Feixóo que trouxo unha Galiza “gris e estancada”

A esa maioría que quere un cambio galego apelou Pontón para que, “votasen o que votasen” noutras eleccións, este 5-A sumen no BNG o seu desexo de que por primeira vez “o noso país sexa gobernado desde aquí, desde nós,  convencidas de que canto máis autogoberno máis posibilidades de crear benestar, progreso e un futuro mellor. Por iso precisamos un país que se faga valer, unha Galiza que se poña en pé e que non acepte ordes desde Madrid, para poñer en marcha un proxecto propio que dea respostas aos retos do país sen pedir permiso a ninguén”.

Comentarios