O BNG apela a “dar voz propia a Galiza” o 10N fronte ao “show” das forzas estatais

Ana Pontón di que estas eleccións son “unha segunda volta” que se debe de aproveitar para que o país non estea “desaparecido” no Congreso. O Bloque presentou as cabezas das súas candidaturas para estas eleccións xerais: Nestor Rego (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo), Francisco García (Ourense) e Carme da Silva (Pontevedra).

bng candidatura 10N eleccións xerais
photo_camera De esquerda a dereita: Carme da Silva, Néstor Rego, Ana Pontón, Olalla Rodil e Francisco García.

O BNG presentou este sábado en Compostela as cabezas de lista da formación nacionalista ás eleccións xerais do 10 de novembro. Dúas caras novas a respecto da cita coas urnas do pasado mes de abril, Olalla Rodil por Lugo e Francisco García, exalcalde de Allariz, por Ourense. A Coruña e Lugo manteñen cabezas de cartel: Néstor Rego e Carme da Silva.

A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento a galegos e galegas que convertan o seu descontento co “show  das forzas estatais” nunha oportunidade: a de conseguir que Galiza teña voz propia no Congreso da man do BNG.

“A alternativa para todas as persoas descontentas co espectáculo destes meses é o BNG, unha forza útil para defender o país. A opción non é quedar na casa”, dixo a portavoz, que enfatizou que o 10N “vai do futuro deste país, do noso sector industrial con miles de empregos en risco, vai da nosa xente moza emigrada ou sen traballo, vai da precariedade laboral, vai de ter as pensións máis baixas, vai dos 200 millóns de euros que o Estado nos debe en dependencia, vai da débeda histórica en infraestruturas, vai da estafa das peaxes da AP9”.

“A alternativa para todas as persoas descontentas co espectáculo destes meses é o BNG, unha forza útil para defender o país. A opción non é quedar na casa”

Pontón situou o BNG como a única forza que ten “as mans libres” para defender os intereses da Galiza fronte á “inutilidade” e “discriminación” das forzas estatais. “Se queremos resultados diferentes temos que facer algo diferente”, afirmou, chamando aos votantes galegos e galegas a “facerse valer”. “Hai seis meses tivémolo ao alcance da man, na punta dos dedos. Este 10N é a segunda volta para conseguir ter voz propia”.

Na súa intervención, Nestor Rego destacou a situación de “emerxencia social e nacional” do país, e comprometeuse a ser “a voz da Galiza que non se resigna”. Olalla Rodil subliñou o seu compromiso por trasladar ao Congreso as demandas dos colectivos sociais e do momento feminista, mentres que Francisco García fixo fincapé nos problemas de envellecemento da poboación e do abandono da Galiza do interior ante a indiferenza das forzas estatais. Carme da Silva puxo a Pontevedra como exemplo do que este país é capaz “desde a confianza”. “”Así é como podemos construír un futuro, desde a confianza na nosa capacidade como país”, indicou.

Comentarios