BNG apela ao voto das mulleres para facer fronte á dereita "machista e cavernícola”

 A portavoz nacional participou en Pontevedra nun Vermú feminista, con espazo para os caraveis vermellos en lembranza da Revolución do 25 de abril en Portugal.

PONTON E DA SILVA ACTO FEMINISTA

O BNG disputa escanos na Coruña e Pontevedra á “dereita macista e cavernícola”. Así o manifestou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, no vermú feminista que esta quinta feira tivo lugar en Pontevedra.

“O PP de Casado e de Feixóo que se burla da violencia machista con ese si,si,si e falan de supremacismo feminista, ese Cs de Rivera que defende os ventres de alugueiro e un Vox proclamando que unha muller violada non ten dereito a decidir se aborta ou non”, dixo Pontón, deben recibir unha contestación o domingo da man do BNG : “Podemos frealos”.

A portavoz nacionalista chamou a que “fronte á mensaxe do medo e da crispación da dereita”, as mulleres “votemos con ilusión e co convencemento de que en Galiza non imos permitir nin un só escano para esa dereitona antigalega e machista”.

Pontón fixo este chamamento nun vermú feminista xunto coa candidata por Pontevedra, Carme da Silva, nun acto no que tamén lembraron a revolución portuguesa do 25A, cos caraveis vermellos convertidos en símbolo desa rebeldía que acabou coa noite de pedra no país veciño.

En relación as propostas á favor de igualdade das mulleres, o programa do BNG defende xulgados específicos de violencia de xénero en todas as cidades galegas e máis medios para combater o machismo. Oposición a calquera intento de legalizar os ventres de alugueiro e ampliar os permisos de maternidade e paternidade a un ano de xeito intransferible.

Comentarios