Abstención do BNG aos Orzamentos do Estado

O deputado Néstor Rego cualifica como  "decepcionante" a actitude mantida polo Goberno do Estado.

O deputado do BNG, Néstor Rego, na Cámara Baixa (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG, Néstor Rego, na Cámara Baixa

O BNG abstense na votación nos orzamentos do Estado. Así o anunciou esta terza feira o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, que recoñeceu a “decepción” ante a posición mantida desde o Goberno español, pois, apuntou, “non houbo vontade real por parte do Executivo” por mellorar as contas respecto a Galiza.

Rego lembrou que, a diferenza dos orzamentos xerais do Estado do ano pasado, desta vez o BNG non presentara emenda á totalidade, pois entendía que ser partía dunha mellor situación para mellorar as contas. Porén, lamentou, iso non foi así.

“Son uns orzamentos insuficientes e claramente mellorábeis”, dixo o deputado, lembrando que o BNG presentou aos mesmos perto de 300 emendas, para alén de amosar a “disposición a dialogar e negociar”. Porén, manifestou, desde o Goberno español non houbo esa mesma vontade e disposición.

Temos que dicir que se incorporasen aos OXE a intervención pública de Alcoa sería suficiente para nós votar a favor destes orzamentos. Esta medida por si soa xustificaría un voto favorábel, estamos a falar de miles de empregos e o futuro de toda unha comarca. Lamentabelmente, non foi así

Para Rego, a falla de avances e disposición en cuestións como as que atinxen  infraestruturas “claves” para o país, citando por exemplo cercanías ferroviarias; ou a “frustración” de cuestións recollidas no acordo de investidura como os 3 xulgados de violencia de xénero; exemplifican esa actitude do Executivo de coalición de PSOE-UP.

Tampouco, explicou, houbo atención por parte do Executivo español a propostas e achegas dos nacionalistas galegos en cuestións sociais e tributarias “máis xustas”, e citou a suba das pensións mínimas, a rebaixa do IVE en produtos esenciais, a suba progresiva do imposto de patrimonio a partir do millón de euros ou a modificación dos contratos predoutourais. “De feito, as nosas emendas nesta materia foron vetadas e nin sequera poderán ser votadas no Congreso”.

Crise social e industrial

Á hora de debullar os motivos da abstención, Rego tamén se referiu á “crise social e económica” que afecta Galiza, vendo os nacionalistas  os OXE unha ferramenta para combater esa situación de “desemprego, empresas fechadas, postos de traballo perdidos, empresas en risco...”.

Mais esas emendas, dixo, non foron atendidas polo Goberno do Estado. E aquí citou Alcoa, onde o BNG pedía a intervención pública, unha postura que noutras ocasións tiña recabado o apoio de PSOE e UP mais que á hora de se plasmar en acordos concretos, non.

“De feito, temos que dicir que se incorporasen aos OXE a intervención pública de Alcoa sería suficiente para nós votar a favor destes orzamentos. Esta medida por si soa xustificaría un voto favorábel, estamos a falar de miles de empregos e o futuro de toda unha comarca. Lamentabelmente, non foi así”.

Comentarios