O BNG anuncia que non acudirá á rolda de contactos con Felipe VI

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, non participará da rolda de consultas de Felipe VI sobre a investidura do presidente do Goberno español. A “profunda convicción republicana e soberanista” e o papel da monarquía son os motivos.

2019042900471168823
photo_camera Ana Pontón, no centro, portavoz nacional do BNG, e á súa dereita, Néstor Rego, deputado no Congreso, acompañados de membros da Executiva Nacional.

A Executiva Nacional do BNG acordou non participar na rolda de consultas de Felipe VI sobre a investidura de presidente do Goberno español.

“Nun momento de profunda involución democrática no Estado, en que se están a pór en cuestión dereitos fundamentais e liberdades públicas, Felipe de Borbón asumiu un rol determinante nese proceso, especialmente contra as nacións que facemos parte deste Estado e contra o exercicio dos dereitos colectivos, como é o de autodeterminación”, salienta o BNG nun comunicado de imprensa.

Nesta liña, a formación nacionalista xustifica a súa decisión na “profunda convicción republicana e soberanista” que defende e na avaliación “moi negativa” do papel que a monarquía e a figura do rei están a desenvolver no contexto actual.

“Resulta cada vez máis inxustificábel o mantemento dunha institución anacrónica como a monarquía, incompatíbel cun sistema que se queira democrático, en que a Xefatura do Estado debe ser electa polos cidadáns e cidadás. Non se sostén en parámetros democráticos unha xefatura do Estado hereditaria e vitalicia e, no caso, español, reinstaurada polo ditador Francisco Franco”, subliña o BNG na nota remitida aos medios de comunicación.

Comentarios