O BNG anticipa unha "ofensiva mobilizadora" para denunciar a suba de prezos que "abocan á pobreza"

A formación nacionalista xuntou en Santiago responsábeis locais e comarcais de toda a Galiza para preparar a súa estrutura organizativa de cara ás municipais 2023.
Encontro nacional de responsábeis locais e comarcais do BNG en Compostela.
photo_camera Encontro nacional de responsábeis locais e comarcais do BNG en Compostela.

O Bloque Nacionalista Galego anunciou este sábado que está en disposición de pór en marcha unha "ofensiva mobilizadora" para denunciar a escalada de prezos que "abocan" á pobreza "á maioría social".

A responsable da área de Organización, Lucía López Sobrado, denunciou a "basta utilización" dunha situación "tan dura" como é o conflito bélico en Ucraína e defendeu que se emprega como pretexto para introducir "máis precariedade" na clase traballadora e para xustificar unha escalada de prezos que "vai en ascenso desde hai meses". E citou tanto a electricidade, como os combustíbeis, como a cesta da compra.

López Sobrado asegurou que xa se empezan a ver as "graves consecuencias" desta "escalada de prezos" na "paralización da produción" nalgunhas empresas, abocando ao feche numerosos sectores.

Ademais, sinalou que todo isto ocorre mentres "as grandes eléctricas aumentan beneficios coa complicidade do PSOE e Podemos" e, na Galiza, "dándose abrazos co Partido Popular", que impide a implantación dunha "tarifa eléctrica galega".

Municipais 2023

Baixo a lema 'Organización para avanzar. Con forza propia', o BNG mantivo un encontro este sábado na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela con responsábeis locais e comarcais para abordar o momento de crise económica e tamén a proximidade das eleccións municipais.

Neste sentido, a responsábel da área de Organización manifestou que o BNG xa "engraxa" a maquinaria interna para saír en cada comarca e localidade galega a desenvolver unha campaña para dar a coñecer o proxecto nacionalista e dar resposta ás necesidades dos galegos neste "crítico momento".

Lucía López Sobrado puxo en valor que o nacionalismo afronta esta situación "con decisión" e reivindicou o BNG como unha organización que "sen ser perfecta, é imprescindíbel".

Por último, a responsable de Organización do BNG finalizou a súa intervención instando á militancia nacionalista a pór "por riba de cada unha de nós o traballo colectivo e a defensa da Galiza e do pobo galego".

Comentarios