O informe de xestión destaca a incorporación ao BNG de 1.420 militantes desde a anterior asemblea

O BNG amósase “orgulloso do labor realizado e dos resultados acadados” nos últimos 4 anos

O proceso de debate no plenario da Asemblea Nacional do BNG arrancou coa presentación do informe de xestión do Consello Nacional, onde se analizou a actuación da organización nacionalista nestes últimos catro anos.

WhatsApp Image 2021-11-07 at 10.41.36 AM
photo_camera O plenario da asemblea durante o debate do informe de xestión. Foto:Nós Diario

A dirección nacionalista amósase convencida de que chega a esta XVII Asemblea Nacional cos deberes feitos. Así se desprende, do documento presentado diante da militancia polos membros da Executiva Nacional, Goretti Sanmartín e Bieito Lobeira, que repasaron o camiño percorrido desde o anterior conclave.

As conclusións do informe son claras. Así, afírmase que “con erros e con acertos, coa conciencia plena de que temos moito que corrixir e mellorar colectivamente, mais tamén coa certeza de nos poder sentir orgullosas e orgullosos do labor realizado e dos resultados acadados”.

"Manter viva e actuante a organización nacionalista"

O documento destaca o labor realizado neste período para “manter viva e actuante a organización nacionalista. De resistir para avanzar, con humildade, integridade e coherencia. Nada disto sería posíbel sen o concurso e a determinación dos milleiros de mulleres e homes que conformamos o BNG”.

“Somos un proxecto político, mais tamén unha comunidade humana que debemos coidar”, destaca o informe, que tivo unha lembranza para os militantes falecidos desde a anterior asemblea e moi especialmente para Bautista Álvarez, tamén recordado por Pontón na sesión de apertura.

Os nacionalistas significan o importante avance organizativo dos últimos anos. A este respecto, lembra que desde 2019 a militancia da formación tense incrementado en 1.022 persoas. Na mesma liña, engade que “se tomamos como referencia todo o período comprendido entre a XVI e XVII asembleas nacionais, debemos saudar ás aproximadamente 1.420 incorporacións”.

Salto adiante no plano electoral

Os nacionalistas valoran, tamén, positivamente o salto adiante no plano electoral. Neste sentido, lembran os avances producidos nos diversos comicios, a importancia de recuperar a representación no Congreso dos Deputados e o éxito das eleccións galegas.

“Os resultados obtidos foron extraordinarios, mesmo históricos”, recolle o informe de xestión, que os analiza como unha expresión dun “mapa político propio e singular” e como “evidencia, tamén neste plano, de que somos unha nación, cunha expresión política diferenciada”.

O Consello Nacional BNG afirma que actuou nunha dirección táctica e estratéxica, sinalando en relación con esta última “unha aposta soberanista, de crítica ao réxime político constitucional de 1978, á monarquía española e aos privilexios dunha estrutura unitaria do Estado que nos anula como nación”.  

Comentarios