BNG, Amaiur e ERC reclaman “máis democracia” perante a crise do Estado español

Representantes de Amaiur, ERC e BNG compareceron no Congreso para denunciar a crise institucional, económica e política do Estado español, e para instar a Madrid a que respecte o dereito a decidir das nacións 

BNG, Amaiur, ERC

A menos de 24 horas de que Mariano Rajoy compareza no Congreso polo 'caso Bárcenas', BNG, Amaiur e ERC protagonizaron unha comparecencia unitaria na Cámara baixa para falar da “crise económica, social, institucional e política sen precedentes” que vive o Estado español. Unha crise perante a cal as tres formacións soberanistas piden máis democracia, tanto para a cidadanía como para os pobos.

Rosana Pérez (BNG): ”A comparecencia de Rajoy é necesaria por hixiene democrática pero non vai servir para solucionar os graves problemas que sofre o Estado español"

Rosana Pérez, do BNG; considera que a comparecencia de Rajoy chega “tarde, mal e arrastro”, e faino obrigado pola presión política e social. Para Pérez, o financiamento ilegal do PP hai que entendelo nos últimos 30 anos de bipartiddismo, un ciclo político que está esgotado.

Abordar o problema de fondo

Rosana Pérez salientou o “enorme retroceso democrático que se produciu no último ano e medio, unha importante regresión nos dereitos individuais e colectivos. A comparecencia de Rajoy é necesaria por hixiene democrática pero non vai servir para solucionar os graves problemas que sofre o Estado español, problemas de fondo. Un deles a negación dos dereitos das nacións do Estado”, en alusión a Galiza, Catalunya e Euskadi.

Xabier Mikel Errekondo (Amaiur): “Hai unha corrupción inherente a este sistema político”

De por parte, Xabier Mikel Errekondo, de Amaiur , incide na necesidade de “desenmascarar os falsos debates” e abordar “os verdadeiros problemas de fondo”. O voceiro abertzale puxo riba da mesa “as consecuencias das medidas neoliberais e recentralizadores, o modelo de Estado e as reivindicacións nacionais, así como a corrupción inherente o sistema político español”

Alfred Bosch (ERC): “Hai un partido do 'non' que nega dereitos fundamentais, liberdades e xustiza social”

“Hai un partido do 'non' que nega dereitos fundamentais, liberdades e xustiza social”, apuntou, pola súa banda, Alfred Bosch, de ERC, quen contrapuxo a actitude do Estado cos que “queremos construír as nosas nacións de forma positiva, intentando reunir consensos para prosperar e ter maiores liberdades”


 


 

Comentarios