BNG, Amaiur e ERC vetan a declaración do Congreso sobre Suárez por dar un ''relato ficticio da Transición''

A decisión da esquerda soberanista galega, vasca e catalá impide a aprobación e lectura no Pleno da declaración institucional sobre Adolfo Suárez, pois requería unanimidade para ser aprobada. Néganse a aprobar un texto que presenta a Transición como 'sumum' da democracia e enxalza a monarquía.

Congreso español
photo_camera Congreso español

Non haberá declaración institucional do Congreso español en memoria de Adolfo Suárez. A decisión de BNG, Amaiur e ERC de non apoiar un texto que, entenden, se converte nun “relato ficticio da Transición” e nun panexírico da monarquía, impide que a declaracións saia adiante. Non será, logo, aprobada nin lida en Pleno, como pretendían os grandes partidos, pois para iso facía falta o apoio unánime de todos os grupos parlamentares.

Bosch lembrou que se ben Suárez legalizou o PCE, non fixo o propio coa esquerda nacionalista galega, vasca e catalá. “ERC non puido presentarse ás eleccións”

O portavoz de ERC, Alfred Bosch, explicou nos corredores da Cámara baixa española que até o último momento se estivo a negociar un texto, Mais finalmente o acordo non foi posíbel porque a esquerda nacionalista de Galiza, Euskal Herria e Catalunya non apoian unha declaración que, recollen as axencias, “enxalza a monarquía” e fai un relato de Transición “modélica”.

E ese relato, apuntou Bosch, é falso. Puxo como exemplo que malia que a propaganda oficial salienta que o PCE foi legalizado, a esquerda nacionalista non puido concorrer ás eleccións de 1977. “ERC non puido estar alí”, dixo.

Desde Amaiur engadiron que a declaración sería lexitimar a negación ao pobo vasco, e ao resto de pobos do Estado, do dereito de autodeterminación, unha negativa feita “coa conivencia do Exército español·”.

Comentarios