Voceir@s das tres formacións asinantes da Proposición de Lei pola autodeterminación dos pobos comparecen esta cuarta feira perante os medios de comunicación após coñeceren, de forma extraoficial, a decisión adoptada pola Mesa do Parlamento de impedir a súa tramitación no Pleno. Neste senso, PSOE e CiU --que tamén compoñen o órgano parlamentar, si terían apoiado a proposta--.
En declaracións a Sermos Galiza, a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, asegurou que o veto imposto polo PP á proposición lexislativa "dá boa conta da súa calidade democrática". Aliás, a nacionalista asegura que na decisión d@s populares "priman as cuestións de fondo" que abordaba a proposición e que o Partido Popular "non quere que se debata".
Olaia Fernández Davila (BNG): "Non existe desde o punto de vista procedimental ningún argumento que xustifique o veto"
Segundo puido saber este medio, @s representantes do PP na Mesa argüen cuestións de forma para xustificar a inadmisión a trámite da proposta soberanista. Porén, Fernández Davila asegura que "iso é un invento". "Non existe desde o punto de vista procedimental ningún argumento" que xustifique o veto, afirma a portavoz nacionalista. Así o demostraría, dixo, o feito de no pasado se incorporaren á orde do día outras propostas que conlevaban reformas na Constitución, a última delas a formulada polo PSOE de Zapatero cando se reformou o artigo 355 da Carta Magna para, co apoio do PP, constitucionalizar o déficit cero.
Así pois, BNG, Amaiur e ERC anuncian que recorrerán a decisión.