O BNG alerta do "recorte letal" do Executivo de Alfonso Rueda no sistema educativo da Galiza

A formación nacionalista exixiu ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que faga públicos os datos reais de profesorado para o curso académico que comeza esta semana.
O deputado do BNG no Parlamento Manu Lourenzo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O deputado do BNG no Parlamento Manu Lourenzo. (Foto: Europa Press)

O portavoz parlamentario de Educación do BNG, Manuel Lourenzo, advertiu do "recorte letal" para o sistema educativo galego que está a levar a cabo a Xunta da Galiza neste comezo de curso académico.

No principio de curso "máis duro en varios lustros", Lourenzo criticou que o Executivo de Alfonso Rueda "non achegou solucións nin propostas concretas". O deputado nacionalista ve "incomprensíbel" a "ausencia" de currículos "claros e ben definidos”.

"Cando a maioría das autonomías teñen os deberes feitos, a Xunta segue no ‘canto peor, mellor’", lamentou, ao tempo que incidiu na situación "aterradora" para as familias, nun contexto de inflación "desorbitada", con custos "que non teñen precedentes" nos últimos anos.

Nun sistema educativo no que, segundo o Bloque, "sete de cada dez alumnos non recibe ningún tipo de axuda", o nacionalista cuestionou "onde están" a Consellaría de Educación e o seu responsábel, Román Rodríguez, o Partido Popular e o presidente galego.

Concretar as cifras de profesorado

Lourenzo exixiulle á Xunta que deixe "a manipulación, a mentira e a vaguidade características de cada inicio de curso" e concrete "cantos profesores hai en persoal", excluídos os de reforzo para distintos programas.

O responsábel de Educación do BNG subliñou que "o único publicado é a orde do 2 de agosto no DOG", unha resolución provisional da que se extrae "que hai máis de 700 profesores menos que o ano pasado". "Iso di o DOG e non imos permitir que a Xunta continúe con esta estratexia", subliñou.

Neste sentido, criticou que o Goberno galego "fala de 31.000 profesores e está a mesturar profesores de persoal e profesores de reforzo", co obxectivo de "maquillar un dato que o deixa en evidencia". "Non é o BNG, son as familias, o profesorado e o alumnado" os que denuncian un "recorte absolutamente letal para o sistema", reiterou.

Para o BNG, é preciso "saír máis reforzados desta pandemia", pero Lourenzo asegurou que o PP está "a empregala para xusto o contrario", cunha "única proposta" que é "levar" a Galiza "ao ano de maiores recortes". "Por iso non dan datos e falan con claridade do número de profesores", concluíu o deputado nacionalista.  

Comentarios