A deputada do BNG, Iria Carreira alerta do incremento de violencias contra as persoas e sinais que representan o colectivo LGTB. A nacionalista incide que nos últimos meses asistimos a unha escalada de "violencias LGBTfobicas en Galiza" con agresións e vandalismo contra o mobiliario público que exhibe as cores da bandeira do Orgullo e outros sinais LGBT, a través de pintadas LGBTfobicas.
A deputada lembra que recentemente foi asasinado Samuel, na cidade da Coruña, e as declaracións dos presuntos culpábeis indican, apunta, a existencia dun sentimento de homofobia detrás deste crime.
Carreira sinala que a Lei pola igualdade de trato e contra a discriminación das persoas LGBT resulta "insuficiente" por carecer de recursos para loitar contra as actitudes de LGBtofobia e dentro da lei, engade, mesmo continuan sen desenvolver moitos apartados destinados a respectar e garantir os dereitos das persoas LGBT.
Dende o BNG, avanza a deputada nacionalista, continuarase demandando "a aplicación desta lei" co desenvolvento dos apartados que ainda "fican pendentes" e "propoñeremos a inclusión dun apartado específico de loita contra todos os comportamentos de carácter LGBTfobicos".