O BNG alerta do "grave impacto" de dous proxectos de parques eólicos fronte á ría de Vigo

Rego denuncia o "discurso ambiguo" da Xunta.
Foto BNG_Eólica Mariña_Vigo

O BNG alertou onte do impacto ambiental e socioeconómico que pode ter a instalación de dous parques eólicos mariños proxectados fronte á ría de Vigo e o Baixo Miño, e censurou a "ambigüidade" da Xunta ante estas instalacións, posicionándose "ao lado dos intereses das grandes eléctricas".

Así o denunciaron a portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, o portavoz municipal nacionalista no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas, e a responsábel de Pesca do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, quen explicou que Capital Energy e Ferrovial expuxeron senllos proxectos para implantar parques de aeroxeradores no mar, denominados respectivamente 'Volanteiro' e 'Celta II'. 

Estes parques, con 34 aeroxeradores cada un, estarían situados na plataforma continental, a menos de 50 quilómetros das costas da Guarda, Oia, O Rosal e Baiona. Segundo sinalou Rosana Pérez, este tipo de instalacións non son aptas para esa zona, onde se concentra gran parte de actividade pesqueira e marisqueira.

O BNG, lembrou, opúxose desde o principio a estes proxectos, mentres que a Xunta "non se pronuncia con claridade". A deputada tamén anunciou iniciativas na Cámara galega para instar o PP e o PSdeG a pronunciarse, especialmente cando este tipo de proxectos "están a presentarse sen que se aprobou aínda a normativa que os vai a regular".

Pola súa parte, Néstor Rego, tamén incidiu na afectación que eses parques eólicos mariños terán para o ecosistema mariño, e mesmo en terra, xa que os parques requiren instalacións adicionais nalgúns municipios. A iso súmase o impacto na actividade pesqueira e marisqueira.

Rego enmarcou estes proxectos nunha "ofensiva de espolio" por parte de empresas enerxéticas, e lembrou que Galiza xa produce máis enerxía de fontes renovábeis da que consume.

Por último, Xabier Pérez Igrexas, pola súa banda, reclamou ao goberno local de Vigo que exprese "unha posición máis firme" ante esta "gravísima ameaza".

Comentarios