BNG alegará ao estatuto electrointensivo que considera insuficiente

Pontón considera que o que pasa en Alcoa demostra a falla de propostas das forzas estatais para Galiza.

Foto reunión BNG-Alcoa (1)

Ana Pontón considera que o que está a pasar con Alcoa e as ‘sombras’ sobre o futuro para as plantas da Coruña e San Cibrao e centos de postos de emprego é un exemplo de que as forxas estatais carecen de proxecto e compromiso para con Galiza. A portavoz do BNG considera “decepcionante” a “insuficiente” proposta de estatuto electrointensivo que presentou o goberno español (PSOE) e critica que Feixoo non se implique na defensa deste sector produitivo.

“Como é posíbel que Euskadi consiga unha rebaixa de 23 euros por megavatio e para Galiza o que se propoña sexa de 4 euros?”, preguntouse a portavoz, que instou a Xunta a pular por unha negociación bilateral co Estado “ e conseguir un novo marco [eléctrico]” na liña do que logrou Euskadi.

A portavoz do BNG visitou a planta de Alcoa na mariña e lamentou que desde goberno español e galego non se estean a dar “alternativas de futuro” para a planta da Coruña nin a actuar para disipar a preocupación na de San Cibrao.

Galiza produtora

O BNG considera “insólito” que nun territorio produtor de electricidade como é Galiza “haxa miles de empregos en xogo polo alto prezo da electricidade”.

A portavoz incidiu en que o alto prezo da electricidade impide que a industria electrointensiva galega compita “en igualdade de condicións” con outras industrias europeas, por iso entende que o estatuto electrointensivo debe garantir unha tarifa estábel e tamén compensar Galiza polo feito de ser produtora de enerxía.

Comentarios