Primeira valoración

O BNG agradece a implicación e traballo das bases nunha campaña “en positivo”

Goretti Sanmartín recoñece que gostarían dunha maior participación e declina valorar enquisas a pé de urna pois en breve xa se coñecerán dados oficiais.

CtOBhCMXgAE6-6l

A directora da campaña, Goretti Sanmartín, agradeceu o traballo e implicación de militantes e simpatizantes nacionalistas na campaña do 25S, un compromiso, dixo, que se traducíu en “ilusión” e mensaxes “en positivo” que chegaron a todo o país. “Conseguiron que o BNG fose referente, que a xente vise que é alternativa para o país”.

Sanmartín, que compareceu na Nave de Vidán 15 minutos despois de fechar as urnas para realizar unha primeira valoración da xornada, agradeceu especialmente o compromiso dos 3.300 interventores e apoderados do BNG nas mesas electorais.

Participación e enquisas

A respecto da participación (a falla de datos definitivos, ás 17:00 horas estaba en niveis dos comicios de 2012), a responsábel da campaña recoñeceu que gostarían dunha maior afluencia para votar. “Sería mellor que houbese un índice de participación máis elevado”, dixo, ao tempo que apontaba ao “cansanzo” e “decepción” de comicios pasados que non houbese máis participación.

Sanmartín declinou valorar os resultados de sondaxes e enquisas a pé de urna, pois en breve xa se coñecerán os definitivos e será entón cando fagan a valoración.

Comentarios