domingo 19.01.2020

BNG e Agora Galiza estudan vías de colaboración de cara aos comicios estatais

A fronte nacionalista continúa a súa rolda de contactos con outras formacións políticas após a xuntanza mantida con CxG.

BNG e Agora Galiza estudan vías de colaboración de cara aos comicios estatais

Senllas delegacións do BNG e de Agora Galiza encontráronse esta terza feira (4 de agosto) en Compostela para avaliar conxuntamente a realidade que atinxe Galiza e, no concreto, explorar a posibilidade de colaboraren perante a inminente convocatoria electoral ás Cortes españolas. 

Na xuntanza ambas as dúas forzas soberanistas coincididron en sinalar a "necesidade de situar Galiza e o pobo galego, os seus problemas e aspiracións, como marco inequívoco de referencia", apuntan nun comunicado conxunto remitido á imprensa. Aliás, subliñan, calquera proceso que se abra na Galiza debe desenvolverse "sen subordinacións nin dependencias a estratexias ou estruturas partidarias foráneas". 

Agora Galiza e o Bloque tamén partillan o feito de que "o debate sobre a soberanía non é secundario nin aprazábel, senón a vía para solucionar os problemas máis perentorios da Galiza e das súas clases populares: desemprego, emigración, empobrecemento, degradación dos servizos públicos", o que sitúa o "dereito de autodeterminación" como "o mellor xeito de entrar no debate xa aberto sobre os dereitos das nacións no Estado". 

As dúas organizacións acordaron manter aberto un espazo de diálogo e colaboración na perspectiva da análise sobre fórmulas de concorrencia unitarias de cara ás vindeiras eleccións xerais.
 

comentarios