BNG e AGE solicitan un pleno extraordinario para abordar a vaga de incendios

Exixen a reunión da Deputación Permanente e a comparecencia do presidente da Xunta. No que vai de ano arderon máis de 6 mil hectáreas na Galiza. 

Kimiya Yui
photo_camera [Imaxe Kimiya Yui | NASA]

Os grupos parlamentares do BNG e AGE solicitaron esta quinta feira (13 de agosto) a convocatoria "urxente" da Deputación Permanente do Parlamento perante a vaga de incendios que asolaga o país este verán. 

As dúas forzas instan a convocatoria dun pleno extraordinario no que compareza o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo. 

No que vai de ano na Galiza arderon máis de 6 mil hectáreas, segundo os dados fornecidos polo goberno galego sendo que nun só día, o 9 de agosto, se rexistraron máis de 70 focos activos. 

O líder do executivo galego atribúe a vaga de incendios a "unha actividade criminal moi interesada en provocar un caos na Galiza". Aliás, desde a Consellaría de Medio Rural desvinculan os lumes a un interese especulativo após a entrada en vigor da nova Lei de Montes que autoriza a recalificación de terreos ardidos cando exista un "interese público". 

Porén, desde as organizacións ecoloxistas, os grupos da oposición e as organizacións sindicais denuncian a falta de medios, humanos e materiais, na loita contra os incendios ao tempo que acusan o goberno de Núñez Feijóo de proporcionar "o chisqueiro" ás persoas incendiarias, en palabras da vice-portavoz de AGE, Yolanda Díaz. Neste senso, sinalou a deputada do BNG, Carme Adán, a única política do goberno da Xunta nesta materia é "rezar ao Apóstolo para que chova". 

Perante a inacción institucional, desde a Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (Adega) lembraron unha batería de 10 medidas coas que combater de maneira "eficaz" os incendios. 

Comentarios