BNG e AGE reaxen contra o TLC

Ambas as dúas organizacións amosaron o seu rexeitamento á negociación do Tratado de Libre Comercio entre os EUA e a Unión Europea polo seu "impacto económico e social". 

O Bloque Nacionalista Galego e a coligación electoral da Alternativa Galega de Esquerda amosaron esta sexta feira a súa oposición aos acordos comerciais que, en segredo, están a negociar bilateralmente representantes da Unión Europea e do goberno dos Estados Unidos. 

Após encetaren a sexta rolda de negociación, desde Galiza, ambas as dúas forzas políticas aseguran rexeitar o contido do acordo e, embora coñecérense tan só algúns aspectos do mesmo através de filtracións dalgúns dos borradores, alertan das consecuencias sociais e económicas que carrexará a súa aprobación. 

As dúas formacións advirten das consecuencias que terá a aprobación do TLC perante o reforzo das transnacionais e a liberalización de servizos

"As multinacionais reforzarán o seu poder sobre o consumidor e podemos comprar alimentos modificados xeneticamente sen sabelo", advertiu desde o Bloque a súa eurodeputada, Ana Miranda. Da mesma maneira, a tamén europarlamentar, Lidia Senra, afirmou que "traerá máis pobreza, máis exclusión social, e profundizará na onda de liberalización e privatización". 

Mocións nos concellos e no Parlamento

No concreto, acrecentan desde a organización frontista, o TLC supón "un atentado tanto contra a soberanía alimentaria e permitirá que as multinacionais campen con total liberdade, provocando consecuencias moi graves de rebaixa dos estándares europeos de saúde, medio ambiente e dereitos de consumidores". Pois a súa entrada en vigor podería rematar co principio de precaución que actualmente rexe no dereito comunitario e que, entre outras cuestións, impide a entrada no mercado común de carne de vacún hormonada ou modificada xeneticamente. 

Perante esta realidade desde a Alternativa Galega de Esquerda urxen que o goberno da Xunta de Galiza se posicione e para iso instarán o Parlamento a demandar respostas do executivo. Porén, desde o goberno español xa se teñen amosado en non poucas ocasións favorábeis á aprobación do TTIP --nas súas siglas en inglés. Ao mesmo tempo, o coordinador de Anova, Martiño Noriega, avanzou que a súa formación presentará mocións nos concellos onde conta con edís para defenderse deste "dereito de pernada" que outorgará o TTIP ás empresas transnacionais. 

O Bloque anima a constituír unha Plataforma galega contra o TTIP

Plataforma galega contra o TTIP

Desde a Unión Europea xa encetou a súa andaina un movemento cidadán contrario o "segredismo e a opacidade co que se está a negociar un acordo desta amplitude". European Citizens Initiative against TTIP and CETA ten por obxecto xuntar un millón de sinaturas en toda Europa para presionar ao Consello de Ministros da Unión Europea a anular o mandato de negociación do acordo. Unha iniciativa á que xa se sumou o Bloque Nacionalista Galego e á que animan a se unir tamén, a outras organizacións, movementos sociais e plataformas. 

Asemade, desde a formación nacionalista chaman a impulsar unha Plataforma Galega contra o TTIP e veñen de lanzar o hastag #ZúmballeaoTTIP. Neste senso, AGE asegurou que apoiará "todas as iniciativas sociais de rexeitamento do tratado" pois, explicou Senra, "o éxito sería xa sacar estas negociacións á luz para que a xente sexa consciente do que nos xogamos". 

Comentarios