BNG, AGE e PSdeG presentan as propostas de resolución

Defenderán no debate sobre o estado da nación a creación dunha Lei galega de ciencia, reverter as privatizacións e mesmo a disolución da propia Cámara. 

Parlamento
photo_camera Pazo do Hórreo

BNG, AGE e PSdeG explicaron as principais propostas de resolución, até un máximo de 40 por grupo. Estas deberán ser debatidas e transaccionadas para a súa votación en pleno na sexta feira. 

A deputada do BNG, Ana Pontón, sinalou que a súa forza política defenderá a creación de senllas comisións de investigación referidas ao accidente de comboio acontecido na curva de Angrois o 24 de xullo de 2013 e en relación cos "procesos de privatización e construción" do novo hospital de Vigo, o Álvaro Cunqueiro. 

Aliás, Pontón urxiu o desenvolvemento dunha "avaliación real de todos os problemas" que atinxen o complexo hospitalario e un "plan" para solventar as "deficiencias" do que considerou un "grande fiasco". Desde o Bloque apuntan á responsabilidade da "propia concesionaria" do contexto no que se atopa o Álvaro Cunqueiro. 

BNG proporá a creación dunha lei galega de ciencia para combater a "precariedade" na investigación

Desde a organización frontista defenderán tamén a rebaixa "como mínimo do 50%" do custe das portaxes galegas; unha lei galega de ciencia que combata a "precariedade" na investigación así como un novo modelo de financiamento para Galiza. Asemade, presentarán resolucións dirixidas a defender a cultura, a lingua e o audiovisual galego. 

"Disolver o Parlamento"

Pola súa banda, desde Alternativa Galega de Esquerdas defenderán unha proposta de resolución que insta a disolver a Cámara e convocar "eleccións anticipadas". A coligazón electoral coida que as medidas anunciadas por Núñez Feijóo na súa intervención --como a baixada de impostos ou o cheque bebé-- evidencian que o goberno está "esgotado". 

"Non hai ideas", dixo Yolanda Díaz en comparecencia de imprensa. "É a demostración de que están mortos e máis que mortos". Neste senso, urxiu a convocatoria electoral anticipada e a disolución do Parlamento embora non "en ácido sulfúrico", brincou. 

AGE cre que o goberno "non" ten "ideas" polo que insta a convocatoria de eleccións anticipadas

Para alén disto, AGE defenderá a creación dun órgao para a prevención e loita contra a corrupción e dunha fiscalía propia neste ámbito, entre outras cuestións. 

Reforma fiscal 

Desde o grupo parlamentar do PSdeG-PSOE presentarán senllas propostas de resolución na procura dunha reforma fiscal "progresiva", dun "plan urxente de dependencia", un plan demográfico e outro de loita contra a pobreza e vivenda. 

Aliás, proporán reverter os procesos de privatización desenvolvidos durante o goberno de Feijóo --incluído o do Hospital Álvaro Cunqueiro-- e instan a executar de maneira "íntegra" os orzamentos aprobados. 

Comentarios