BNG e AGE piden a demisión de Mato, que se nega a responder sobre a trama dos cursos de formación

A conselleira dixo: “non vou contestar a nada que non sexan orzamentos”.

Bea Mato
photo_camera Bea Mato

Beatriz Mato non vai demitir. Non ve razóns para facelo. “Non hai nin unha soa razón para que eu demita”, asegurou a conselleira na comisión parlamentar de Traballo e Benestar en resposta ás peticións de BNG e AGE, que lle pedían o cese polo caso dos cursos de formación, unha trama na que no sumario aparece a Consellería que dirixe. É máis, Mato mesmo afirmou que “non vou contestar a nada que non sexa orzamentos”, que era o tema a debate na comisión. Montse Prado (BNG) e Juan Fajardo (AGE) reprocháronlle a actitude e exixiron, neste punto tamén o fixo a representante PSdeG Carmen Gallego, que dese explicacións pola trama de subvencións de cursos de formación.

Mato acusou á oposición de “nin sequera abrir os orzamentos para lelos” e de pedir a súa demisión sen máis. Dixo que desde 2012 todos os cursos están certificados. Prado asegurou que, xa non só pola trama da Operación Zeta, senón tamén por ser unha conselleira que dá as costas a traballadores, persoas con dependencia... tería que deixar o cargo. Fajardo criticou que Mato “veña aquí a falar dos orzamentos como se non pasase nada de nada”, en referencia aos casos de corrupción.

Mato, por parte moi tensa durante as súas quendas de intervención, mantivo rifi-rafes con BNG e AGE, aos que acusou insistentemente de criticar sen estudar os orzamentos.

Comentarios