BNG, AGE e PSOE, xuntos na procura dunha nova lei de protección animal

Os tres partidos da oposición renovan o Espazo parlamentar pola defensa dos animais, que terá seis integrantes e transladará á Cámara iniciativas amparadas polo colectivo ecoloxista Libera


O Espazo parlamentar pola defensa dos animais continuará o seu traballo nesta lexislatura, após renovar o seu compromiso BNG e PSOE e sumarse AGE tamén a el. Na rolda de imprensa realizada esta cuarta feira, Rubén Pérez, voceiro de Libera, sinalou que o obxectivo polo que pularán será a reforma da Lei de protección animal, que data de 1993, "para adaptala ao século XXI".

Así as cousas, o EPDA creouse en maio. Nel repiten representación Carme Adán (BNG) e Carmen Gallego (PSOE). Pola formación nacionalista súmase Ana Pontón, e polo PSOE faino Patricia Vilán. Eva Solla e Antón Sánchez (AGE) completan a relación de deputad@s que defenderán na Cámara galega iniciativas que incidan na loita contra os malos tratos aos animais, o abandono de animais domésticos e o comercio ilegal, así como denunciar a matanza de lobos e pexas aos cabalos.

Segundo adiantou Pérez Sueiras, cómpre traballar "en concienciación e educación" e, após rexeitar "a explotación animal como espectáculo" incidiu na necesidade de controlar as condicións en que viven as especies en acuarios e circos, para alén de avanzar cara a prohibición da entrada a crianzas menores de idade en espectáculos taurinos e a celebración destes eventos pagados con diñeiro público.

Comentarios