A organización nacionalista presenta candidaturas en máis do 80% dos concellos

O BNG afronta "con optimismo" as vindeiras convocatorias electorais

DSC_0311
photo_camera Pontón, ao remate do Consello Nacional [Imaxe: BNG]

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, asegurou esta mañá que a organización que lidera afronta "con optimismo" as vindeiras citas electorais, nas que agarda obter uns "grandes resultados" que dean continuidade aos acadados o pasado domingo e que confirman a "tendencia alcista" que, sinala, se vén percibindo nos últimos tempos. 

Pontón lembrou que o Bloque duplicou os apoios respecto das Xerais de 2016 e que "é a forza política con representación parlamentar que máis incrementou o número de votos, incidindo en que a formación frontista "vai ser determinante" na configuración dunha nova etapa política en Galiza que "poña fin ao decenio negro de Alberto Núñez Feixoo na Xunta", 

"Estou certa", sinalou Pontón, "de que esta remontada vai continuar nas eleccións municipais do día 26 e nas galegas de 2020, nas que o BNG o vai dar todo para que se produza un cambio". Así, lembrou que o 95% da cidadanía galega poderá votar polo BNG nos concellos galegos (máis do 80%) nos que presenta candidatura. "Máis de 4.000 persoas, a metade delas independentes, concorren nas listas do Bloque", dixo, o que, ao seu xuízo, revela "a grande implantación no territorio" da organización nacionalista e a "corrente de simpatía que está a suscitar entre a sociedade como garantía dun futuro mellor para o país". 

A portavoz nacional referiuse tamén ás eleccións europeas que se celebran o mesmo día 26, insistinto na necesidade de "manter a representación que temos actualmente" na persoa de Ana Miranda, da que destacou que ao longo destes anos "se teña deixado a pel na defensa de Galiza", como proba o seu traballo na defensa das vítimas do accidente ferroviario de Angrois, o saneamento das rías ou os sectores produtivos do país, Nese sentido, e malia recoñecer que o BNG ten "vocación europeísta", Pontón recalcou que "esta Unión Europea non vale: queremos unha Europa dos pobos e das nacións, unha Europa solidaria". 

No que respecta aos resultados das Xerais, a portavoz do BNG dixo que, malia non ter acadado representación no Congreso, "esta organización seguirá manténdose alerta para defender os dereitos e os intereses das galegas e dos galegos". Ademais, subliñou que é prioritario para ela "ensanchar a base social do nacioalismo", un proxecto, engadiu, "con historia, unido e cohesionado" que "ten as portas abertas para todas aquelas persoas que queiran sumar en positivo". 

Comentarios