O BNG advirte que a "improvisación" do Go-berno español pon en risco unha "transición xusta" para As Pontes e Cerceda

A formación nacionalista reclama medidas políticas para corrixir a discriminación das mulleres no mundo do mar.

O deputado nacionalista Néstor Rego durante unha  intervención no Congreso. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego (Foto: Nós Diario)

O BNG advertiu que a "improvisación" que percibe no Goberno español á hora de xestionar as políticas para favorecer que exista unha "transición xusta" nas comarcas das Pontes e Cerceda pon en risco o futuro destas zonas afectadas polo peche de centrais térmicas.

Nun comunicado, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanzou o rexistro de preguntas na Cámara dirixidas ao Executivo estatal para inquerir sobre o estado dos procedementos de adxudicación da capacidade de acceso de evacuación aos nós de transición xusta.

O parlamentario pon o acento en que é preciso que o Ministerio para a Transición Ecolóxica informe con transparencia sobre "os criterios técnicos e específicos" sobre esta cuestión ante "a importancia" para Cerceda e As Pontes.

Rego lembrou que hai un ano e medio rexistrou preguntas para coñecer o estado desta cuestión e que o Goberno español non respondeu cunha apelación á paciencia.

"O que está a acontecer resulta unha evidente improvisación e pode supor un grave prexuízo para conseguir unha verdadeira transición xusta para estas comarcas", aseverou Rego, que cre que a solución é "urxente".

Accións polo 8-M

Por outra parte, o BNG avanzou que reclamará no Parlamento galego a creación dun Observatorio de Igualdade específico para o sector do mar que solicite "datos reais" para eliminar a discriminación de xénero neste ámbito.

Diso informou o grupo parlamentar do Bloque no Pazo do Hórreo que, con motivo do 8 de marzo, levará á Cámara autonómica unha serie de iniciativas que buscan paliar a fenda de xénero que existe no mundo do mar.

A deputada nacionalista Rosana Pérez remarcou que a importancia das mulleres no sector do mar "non se traduce nin no seu visibilización nin na posta en valor do seu traballo". Por tanto, reclamou que se establezan desde as administracións liñas e políticas para corrixir esta discriminación nas actividades marítimo-pesqueiras.

Comentarios